Liñas no Grove

A Xunta analiza se hai "baixas temerarias" nas ofertas de empresas aos contratos de autobús

A conselleira ve "incoherente" o que as federacións Anetra, Fegabús e Transgacar "trasladan por unha banda e o que fan pola outra"
Un autobús de Arriva sale de la estación de Lugo
photo_camera Un autobús de Arriva sale de la estación de Lugo

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, revelou a existencia de "baixas importantes" en ofertas presentadas por algunhas empresas aos 41 contratos correspondentes a máis de 570 liñas de autobús da primeira fase do plan de reordenación do transporte da Xunta. 

Segundo avanzou Vázquez este mércores, o Goberno galego prevé adxudicar esta mesma xornada ao redor da metade deses contratos, mentres analiza se esas baixas son "temerarias" -unha baixa temeraria é como se denomina a aquela oferta anormalmente baixa-.

En declaracións aos medios de comunicación, a conselleira criticou ás empresas que "trasladan por unha banda" que algúns dos contratos da primeira fase do plan de reordenación do transporte público de viaxeiros por estrada son "ruinosos", pero, "pola outra banda", presentaron ofertas "a moitos concursos" e fixérono con "baixas importantes". 

A conselleira espera ter adxudicados todos os contratos este xoves para que as liñas poidan empezar a funcionar a partir do 8 de agosto. 

Neste sentido, incidiu en que son estas empresas, algunhas das integradas nas federacións Anetra, Fegabús e Transgacar, as que "causaron o problema porque renunciaron a practicamente 600 liñas e puxeron a Galicia en risco de quedar sen transporte". 

Este luns concluíu o prazo para presentar as ofertas. Finalmente foron 75, 38 delas mediante unións temporais de empresas (UTE). Para a conselleira, unha "importante participación" tras a que espera "adxudicar logo dun traballo intenso máis da metade dos contratos" este mércores e entre esta xornada e a do xoves "a ver se quedan todos adxudicados para que poidan empezar a funcionar a partir do 8 de agosto". 

Reiterou que "as prórrogas" que solicitan as tres federacións mencionadas (en Galicia hai catro) son "ilegais porque o di un regulamento europeo e a Comisión Europea". Por iso, subliñou que o plan se tramita "con garantías xurídicas e como única alternativa viable e legal".

NOVO MODELO. Ademais, Vázquez defendeu a implantación dun "novo modelo" a través de "novas fórmulas" como o transporte de uso compartido entre escolares e veciños e o transporte a demanda "en períodos non lectivos", para "aproveitar asentos baleiros" pero "quedando intactos os dereitos do alumno" e "blindando" as súas paradas. 

Comentarios