A Xunta retoma o desenvolvemento da Estratexia de Calidade 2014-2016

O Consello da Xunta tomou hoxe coñecemento da Estratexia de Calidade 2014-2016 coa que o Goberno galego pretende relanzar a marca Galicia calidade.

Tras o Consello da Xunta, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que a aposta por facer deste distintivo un "único paraugas" para todos os produtos galegos é un compromiso feito durante o debate de investidura nesta lexislatura.

Este plan de relanzamento inclúe tamén a presenza da marca no estranxeiro que, baixo o nome Galicia Quality, servirá para presentar en todos os mercados internacionais, xa sexan feiras de turismo, de produtos agroalimentarios ou outras, os produtos galegos.

Núñez Feijóo destacou que a marca Galicia Calidade conta con 20 anos de vida, o que supón unha "vantaxe" respecto doutras comunidades autónomas. "Cremos un erro minimizar as posibilidades que ofrece Galicia calidade, por iso lanzamos unha estratexia global, un reforzo completo para toda a economía de Galicia", indicou o presidente galego, que sinalou que non só os distintos departamentos autonómicos poderán utilizar a marca, senón tamén os principais axentes económicos, talles como clústers ou organizacións sectoriais.

Estes poderán acceder á marca a condición de que cumpran os parámetros determinados na auditoría prevista para obter o distintivo. Por este motivo, o plan para relanzar a marca prevé actuar en dúas liñas principais. Por unha banda insistirá na promoción dos principais produtos e, por outro, abundará na certificación, para estender a utilización do distintivo.

Ademais, poderán acceder á certificación os produtos que xa pertencen a outros selos, como os 33 que xa teñen Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida, así como os que teñan o selo de agricultura ecolóxica ou os produtos pesqueiros con algunha distinción.

No sector servizos facilitarase o acceso ao distintivo Galicia Calidade a aqueles produtos que teñan unha Q de calidade ou que acrediten normas ISO.

Para Núñez Feijóo, esta decisión "estratéxica" evita duplicidades e permite concentrar nun só paraugas a todos os produtos, aumentar a capacidade de negociación coas canles de distribución e reforza a "unidade de acción". "A visibilidade económica no mundo de Galicia ten que estar unida á calidade", defendeu o presidente galego, que insistiu en que se trata dunha marca "consolidada" pero que hai que reformular e relanzar.

A Xunta analizou tamén un informe sobre o proxecto de lei de mellora da estrutura agraria de Galicia, que será remitido ao CES antes da súa aprobación.

Este proxecto prevé insistir, non tanto na redución e a concentración parcelaria, senón en garantir o seu maior uso óptimo posible. Ademais, abunda na simplificación da tramitación e na maior protección das parcelas, xa que regula as condicións para evitar que haxa leiras abandonadas.

A normativa que prepara a Xunta pretende pór en valor a potencialidade que Galicia ten nesta área; unha tarefa que "levará anos, porque hai que remover todas as estruturas organizativas" que levan anos vixentes, pero se conseguirá, afirmou o titular da Xunta.

A nova normativa prevé incluír os chans dos núcleos do rural na concentración, algo que ata agora non se podía facer.

Para lograr unha maior protección das parcelas, a Xunta prevé que os propietarios decidan, en determinadas circunstancias, se arriendan o terreo a terceiros, se o dedican a agricultura de conservación ou se o entregan ao banco de terras. E para aquelas leiras que sexan produto de concentracións anteriores e que estean sen producir, os propietarios tamén terán as tres opcións anteriores, xa que se gastaron millóns de euros en leiras que están abandonadas, segundo Núñez Feijóo.

A Xunta tamén analizou outro informe sobre a convocatoria de 6 millóns de euros en subvencións para promover medidas de aforro enerxético no ámbito empresarial.

Comentarios