A Xunta, "relativamente" satisfeita cos PXE

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, sostivo que na Xunta están "relativamente contentos" coa partida dos PXE para Galicia, en canto á "execución prevista" xa que permitirán avanzar na consecución do obxectivo da chegada da AVE no ano 2019.

Así se manifestou Martínez en declaracións aos medios, tras coñecerse o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2017 presentados este martes no Congreso, e nos que se avanzou que Galicia recibirá 924,64 millóns, o que supón unha rebaixa de en torno ao 33%, respecto ao pasado ano no que as contas reflectían 1.363 millóns para a Comunidade.

Neste sentido, o conselleiro insistiu en que pode haber "unha caída en termos de créditos" pero non en execución, polo que non se trata dunha caída que se poida trasladar a termos prácticos, "non é a constancia que nós temos nestes momentos".

Polo tanto -dixo- hai que adecuar o parámetro de crédito ao investimento que xa é de execución, "polo tanto estamos cómodos sempre que se manifeste este nivel de execución".

Deste xeito, o titular de Facenda incidiu en que en termos de execución prevista, no Executivo galego "estamos relativamente contentos".

Valeriano Martínez referiuse, en concreto, ás partidas correspondentes ao Ministerio de Fomento, das que se debulla que Galicia é a segunda Comunidade en termos de investimento per cápita e a cuarta en termos absolutos, con 933 millóns de euros en termos de investimento.

Esta contía blinda partidas moi importantes que "permitirán seguir avanzando na consecución do gran obxectivo da AVE", garantido a súa chegada a Galicia no terceiro trimestre de 2019, "como así está comprometido".

Comentarios