A Xunta prevé ter listo o borrador do plan forestal antes de que acabe o ano

A intención do Goberno galego é que esta reforma salga adiante "por unanimidade ou co maior consenso posible"
La conselleira del Medio Rural, Ángeles Vázquez
photo_camera La conselleira del Medio Rural, Ángeles Vázquez

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou este mércores que a Xunta de Galicia prevé ter listo antes do final do ano o borrador da revisión do plan forestal vixente desde 1992. A intención do Goberno galego é que esta modificación salga adiante "por unanimidade ou co maior consenso posible", para o que ha de contar coas achegas do sector e da poboación rural, así como de expertos, ecoloxistas e demais membros da sociedade civil.

"Os tempos cambian", declarou a conselleira como xustificación do cambio deste programa durante a súa intervención en sede parlamentaria para responder a unha interpelación do deputado do PSdeG José Antonio Quiroga, que lle preguntou polos prazos e a participación previstos para este plan. Así pois, a responsable autonómica de Medio Rural afirmou que está previsto presentalo antes de que finalice o exercicio, en base ás directrices para a revisión aprobadas en decembro de 2015, que inciden na relevancia de conseguir cultura forestal en Galicia, promover o tecido empresarial e industrial forestal, fortalecer o sistema de investigación e fomentar a silvicultura profesionalizada.

O sector forestal conta con 3.000 empresas en Galicia, que xeran 70.000 empregos e facturaron en 2016 uns 1.775 millóns de euros



"Non hai ningunha empresa nin nada alleo" baixo os postulados deste plan, defendeu Vázquez, que subliñou que este debe "integrar o monte na sociedade" e facelo "da forma o máis consensuada posible". Deste xeito, destacou que a Xunta leva ofrecendo "dous anos continuados de participación" aos distintos axentes implicados para, entre todos, dotar de garantías a un sector que conta con 3.000 empresas en Galicia, que xeran 70.000 empregos e facturaron o pasado 2016 un total de 1.775 millóns de euros, o que eleva a esta autonomía á categoría de "potencia mundial no que a forestal se refire".

"O lóxico, por suposto, é que fagamos un esforzo entre todos", concluíu a conselleira, que opinou o plan debe facerse "de abaixo a arriba".

Previamente, o parlamentario socialista José Antonio Quiroga denunciara que o borrador do plan non foi facilitado ao conxunto de axentes implicados no sector e esixiu a Vázquez prazos concretos para a súa presentación e debate. Así mesmo, tachou de "obsoleto" o vixente porque —entende— "non dá resposta adecuada aos retos e problemas que se suscitan ao redor da superficie forestada e ás súas necesidades".

Quiroga reclamou ademais a elaboración do mellor plan posible, dado que se trata dun asunto "crucial para este país".

CAMIÑOS MUNICIPAIS. Ángeles Vázquez tamén respondeu en sede parlamentaria a outra interpelación suscitada polo grupo socialista, esta vez a cargo da deputada coruñesa Begoña Rodríguez Rumbo, que a inquiriu pola diminución da contía orzamentaria destinada ao plan autonómico de mellora de camiños municipais. Rodríguez Rumbo criticou que este tipo de medidas contribúen a que "o rural galego agonice" e perda poboación "pola falta de aproveitamento dos seus recursos produtivos".

Momentos antes de que o debate volvese centrarse nas consecuencias que asuntos como este tiveron no impacto da última vaga de incendios que sufriu Galicia, a representante do PSdeG atacou ao Goberno galego tamén pola baixa execución dos fondos destinados á estimulación demográfica do rural. A iso replicou a conselleira manifestando que os fondos do plan de desenvolvemento rural "están a executarse e ademais moi ben", polo que pediu á portavoz socialista que reconsidere o "insulto" que supón deostar o rural galego sen coñecer a súa situación.

Comentarios