A Xunta non cre que o axuste de salarios sexa ''determinante'' para que Citröen constrúa o K9 en Vigo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cre que o axuste dos salarios é "un elemento máis, pero non determinante" á hora de conseguir novos proxectos para a planta viguesa de PSA Peugeot Citröen, en concreto, a fabricación dun novo modelo de furgonetas, o chamado K9.

Así o manifestou o conselleiro en declaracións aos medios durante a celebración do Congreso de Calidade na Automoción na sede de Afundación en Vigo, onde detallou que existen moitas "patas" relacionadas coa competitividade que poden influír neste tipo de decisións.

A dirección de PSA Vigo transmitiu onte aos sindicatos que a fábrica de Balaídos non conta coa rendibilidade económica que esixe o K9, e que por iso proporá un novo proxecto para mellorar a eficacia industrial baseado en investimentos, loxística, provedores e taxa de man de obra.

Conde destacou a importancia do "esforzo conxunto" da administración, as fábricas, a industria auxiliar, os traballadores e os centros tecnolóxicos, e recordou que PSA Vigo xa demostrou no "pasado que pode ser competitiva, e pode demostralo unha vez máis" na que definiu como "unha carreira chea de dificultades".

Ademais, expresou que a economía actual esixe "ser competitivo en calidade e prezo", un "reto colectivo" que permitirá que a posición de PSA Vigo "sexa a máis competitiva e poida acoller novos proxectos industriais".

Durante a súa intervención no congreso, Conde destacou os "altos estándares" de calidade e innovación da automoción galega como "claves" para alcanzar os novos modelos de PSA.

O "know how" da factoría viguesa e da industria de compoñentes, a súa posición loxística ou o papel do CTAG foron algunhas das "fortalezas competitivas do sector" que o conselleiro citou para mostrar as vantaxes da industria en Vigo.

Comentarios