A Xunta insiste en que traballa para garantir a viabilidade das autovías do Salnés e O Barbanza

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, insistiu hoxe en que a Xunta garantirá a viabilidade das autovías do Salnés e do Barbanza cunha solución que supoña o "menor custo para a administración".

O conselleiro interveu hoxe ante o pleno do Parlamento para responder dúas preguntas das deputadas Ana Pontón (BNG) e Consolo Martínez (AGE) sobre o previsible incremento do canon a pagar a estas dúas concesións, dada a caída do tráfico, inferior ao previsto.

As concesionarias destas dúas autovías, segundo revelou a Xunta este mes en comisión parlamentaria, atópanse en risco "a curto prazo" de entrar en concurso de acredores dada a caída do tráfico en ambas as vías.

Estas empresas solicitaron o reequilibrio económico do contrato de concesión, é dicir, aumentar o canon, o que para as dúas deputadas da oposición trátase do único caso en que se garante ás empresas que non terán perdas. Para liquidar o problema, están a analizarse, apuntou o conselleiro, todas as alternativas posibles como préstamos participativos, unha nova licitación ou o aumento do prazo de concesión.

Hernández explicou que a intención do Goberno galego é encarar este problema e manter en servizo e libres de peaxe estas vías, "co menor custo posible e tratando de evitar a responsabilidade patrimonial da administración", que se vería obrigada se creban as concesionarias a desembolsar 127 millóns para o seu rescate.

Ana Pontón subliñou que se rescata ás concesionarias, pero non ás persoas con dificultades, mentres insistiu en que esta situación dá "carta de natureza á porta giratoria, que vostede coñece perfectamente", díxolle ao conselleiro. Tamén Consuelo Martínez afirmou que en Galicia crebaron "centos de empresas" e non foron rescatadas, mentres si se recorre ao amparo das concesionarias, o que cualificou de ''escándalo".

Agustín Hernández replicou a Martínez que a Xunta ''non fai agasallos" ás concesionarias, senón que aplica de xeito "escrupuloso" a lexislación vixente e os termos dos contratos, subscritos en anteriores gobernos, ante o que dixo tamén a Pontón que non é "inocente", posto que se decidiron na época do bipartito.

Tras insistir en que o Goberno non ten pensado nacionalizalas pero si manter a súa titularidade pública, Hernández manifestou que o "único obxectivo" é "evitar unha cuestión que todos os galegos coñecemos: o que pasou en Portugal coas autovías de peaxe na sombra", ás que se impuxo pago. Indicou que é preciso buscar solucións a un problema "latente" desde hai anos co menor custo económico e social posible, e insistiu en que se as empresas entrasen en concurso de acredores a Xunta tería que desembolsar 127 millóns de euros.

Agregou que nas autovías do Salnés e o Barbanza deuse unha progresiva insuficiencia para atender o financiamento da débeda por parte das concesións, polo que é preciso "evitar o rescate", sinalou o conselleiro. "As autovías son sempre e serán de titularidade pública, o noso obxectivo é evitar que deixen de selo e evitar que pase o que pasou en Portugal; mentres esteamos no Goberno estas autovías non terán peaxe", concluíu.

Comentarios