A Xunta inicia en Foz os cursos anuais para formar aos corpos de emerxencias

A Xunta de Galicia inicia o próximo luns en Foz a programación formativa disposta no presente ano para a mellora da preparación específica dos corpos de Protección Civil e emerxencias da provincia de Lugo.

Este curso, que abre unha serie deles que se desenvolverán en distintos concellos de Lugo baixo a organización da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e coa colaboración da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), ten por título ‘Curso básico de Protección Civil’ e estará centrado nos fundamentos e nas atencións máis habituais que se fan nestes tipo de servizos.

A actividade desenvolverase nas instalacións do Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) de Foz a partir das 20.00 do luns. Participará un grupo de 25 persoas procedentes de agrupacións e servizos de emerxencias de Foz, Barreiros, Cervo, Viveiro, A Pontenova e Mondoñedo.

Dentro da oferta prevista para este primeiro semestre, inclúese tamén o inicio na primeira quincena de maio dun curso semellante ao de Foz no concello de Monterroso, unha actividade que irá orientada a voluntarias e voluntarios do concello monterrosino e de Chantada, Palas de Rei, Becerreá e Lugo.

Comentarios