A Xunta incoa o expediente para que Cova Eirós sexa Ben de Interese Cultural

O DOG publica a resolución de Cultura para declarar BIC o xacemento paleolítico de Triacastela
Los arqueólogos, durante la pasada campaña de excavaciones en Cova Eirós
photo_camera Los arqueólogos, durante la pasada campaña de excavaciones en Cova Eirós

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica este martes no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que incoa o procedemento administrativo para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, á Cova Eirós, no municipio lucense de Triacastela, un dos xacementos paleolíticos máis importantes do noroeste de España.

As últimas campañas arqueolóxicas nesta cova, onde foron localizadas as primeiras mostras de arte rupestre prehistórico achadas en Galicia, foron dirixidas polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración co equipo de investigación do Institut Catalá de Paleoecología Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili, de Tarragona.

De momento, foron identificados un total de 13 paneis con arte rupestre na cova, cun total de 93 motivos, que se concentran na gran sala da cavidade e na galería este. Ademais, a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas confirmaron á Cova Eirós como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades de cazadores e recolectores que viviron en Galicia hai 40.000 anos.

Os resultados cultivados nos últimos anos, ademais, están "a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da prehistoria en Galicia", aclara a Consellería de Cultura nun comunicado, dado que os estratos escavados comezan coas "últimas comunidades de neandertais, seguen cos grupos de cazadores do paleolítico superior, os primeiros agricultores do neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas da época altomedieval"

Comentarios