A Xunta destaca o maior descenso intermensual do desemprego en xuño de toda a serie histórica

A Xunta destacou hoxe que o descenso do paro no mes de xuño deste ano, en 11.134 persoas, é o maior intermensual en termos absolutos da serie histórica desde 1996.

Na súa valoración das cifras coñecidas hoxe, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, resaltou a redución do paro en termos interanuais, que se situou en 21.124 persoas, un 7,73 por cento.

O Executivo autónomo subliña así mesmo que no mes de xuño produciuse a oitava baixada interanual consecutiva e a maior delas desde que comezou esta tendencia, a finais de 2013.

Esta evolución levou á directora xeral a sinalar que actualmente hai en Galicia uns 17.000 parados menos que no mesmo mes de 2012, "o que supón volver aos niveis de desemprego de hai dous anos", reiterou.

Tras explicar que Galicia se sitúa por encima da media estatal tanto mensual como interanualmente, subliñou que, no primeiro caso, é a terceira Comunidade en que máis baixa o desemprego en termos relativos e a cuarta en cifras absolutas.

En canto aos contratos en Galicia, Ana María Díaz recordou que se rexistraron en xuño un total de 74.217, o que supón 11.513 máis que no mes anterior, dos que 5.401 foron indefinidos (7,28 %) e 68.816, temporais (92,72%).

''NÚMEROS POSITIVOS'' EN CANTO EMPREGO AUTÓNOMO

A Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores (UATAE) resaltou, pola súa banda, que Galicia "entra en números positivos" destes profesionais no primeiro semestre, tras os datos de xuño.

Así, a asociación resalta que en xuño o incremento de autónomos foi de 1.051, un 0,5 por cento máis que o mes anterior, unha porcentaxe similar ao do conxunto de España, e situouse en 216.609.

En relación co mes de xuño de 2013, o aumento foi de 2.617 autónomos, un 1,22 por cento. En canto ao primeiro semestre do ano, a asociación resalta o incremento en 2.236 profesionais, un 1,04 por cento, o que supón "unha gran diferenza" con relación ao mesmo período de 2013, no que houbo unha perda de 431 profesionais en Galicia, un -0,2 por cento. No entanto, sinala que este incremento semestral é "xusto a metade" do que se rexistrou no conxunto de España, que foi do 2,1 por cento.

A coordinadora de UATAE en Galicia, María del Carmen Rodríguez, apuntou nun comunicado que, "aínda que xuño é un mes onde tradicionalmente sempre aumenta o número de autónomos, incluso durante a crise, o incremento de 2014 é superior ao de 2013".

Comentarios