A Xunta creará unha axencia industrial forestal que dependerá de Economía

O Consello aprobou o adianto de 102 millóns de euros de pagos da PAC
Reunión del Consello
photo_camera Reunión del Consello

O Goberno galego deu o visto e prace á próxima creación da Axencia Industrial Forestal de Galicia, un ente que dependerá da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e non de Medio Rural, e que terá entre os seus obxectivos incrementar a innovación e a competitividade neste sector.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves tras a reunión semanal do Executivo autonómico que esta decisión se verá reflectida na lei de acompañamento aos orzamentos que a Xunta aprobará, previsiblemente, a próxima semana.

Coa creación desta axencia separaranse a política industrial da madeira das políticas antiincendios e de ordenación da propiedade forestal, que seguirán no medio Rural.

Trátase de "fortalecer" a cadea monte industria, unha reclamación que o sector levaba facendo hai tempo, recoñeceu, e coa que a Xunta espera "acertar".

Nesta lei de acompañamento tamén estará incluída a creación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que será resultado da fusión de varios departamentos que desaparecerán, como o Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

Núñez Feijóo mostrouse cauto á hora de indicar se nesa lei de acompañamento a Xunta decidirá máis modificacións lexislativas e aínda que sinalou que é "probable" que esa norma inclúa "máis decisións", indicou que é o departamento de Facenda o que está a avaliar "distintas propostas".

ADIANTO DA PAC. Durante a súa reunión semanal, o Executivo autonómico adoptou outras decisións respecto ao sector primario, entre elas, o adianto de 102,7 millóns do total de 170 millóns de pagos da PAC para o próximo ano nun só abono.

Deste xeito, a Xunta porá a disposición dos gandeiros, sobre todo, e para un total de case 26.000 persoas, a maior cantidade feita nun adianto destes fondos o que contribuirá a liquidar, en parte, os problemas de liquidez das explotacións. Este adianto é un 56% superior ao feito durante este ano e inclúe varios conceptos, destacou Núñez Feijóo.

Outra das decisións adoptadas é o visto e prace a unha repartición de 84 millóns de euros entre 24 grupos de desenvolvemento rural que a partir deste xoves poderán asinar os convenios para desenvolver os proxectos elixidos e que van desde a mellora da calidade de vida da poboación máis envellecida e a redución de desequilibrio territorial á incorporación de TICs no rural e á promoción do territorio e o turismo.

FONDOS LEADER. Núñez Feijóo sinalou, ademais, que o Consello analizou o programa europeo de fondos Leader, destinados a xerar emprego e riqueza e tamén á dotación de servizos e equipamentos. Deste xeito, asegurou que como novidade, na próxima convocatoria ata o 25% dos fondos poderá ir destinado a "axudas a proxectos de carácter non produtivo", segundo a directiva europea.

Entre outros puntos, a Xunta coñeceu un informe sobre a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas integrados de emprego. Trátase dunha orde de 4 millóns de euros para financiar 21 programas que prevén a inserción de 1.725 persoas desempregadas mediante 12 meses nos que recibirán formación, asesoramento laboral e prácticas.


comentarios