Aprobado o proxecto de lei para melloras en portos galegos

A Xunta crea a axencia da industria forestal e prevé que funcione en setembro

O Executivo galego tamén aprobou o proxecto da lei de portos de Galicia, que ampliará a vixencia das concesións de 30 a 50 anos e axilizará os trámites

A Xunta anunciou a creación da Axencia Galega da Industria Forestal, coa que o Executivo autonómico pretende "distribuír" as competencias na xestión do monte, que quedará dividida en dúas vertentes: por unha banda o ámbito económico –que dependerá da Consellería de Economía e Industria– e, por outro, a política contra incendios e de ordenación, da que se seguirá encargando Medio Rural.

Así o avanzou este xoves o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión do Consello da Xunta, na que se acordou a creación desta axencia, que está previsto que entre en funcionamento a partir do próximo mes de setembro. Trátase, segundo aclarou Feijóo, de "cumprir a palabra" dada ao sector madeireiro e, deste xeito, que exista un órgano "específico" que se faga cargo da vertente económica da explotación dos recursos forestais a través dunha axencia que dependerá da carteira de Economía do Goberno autonómico.

O obxectivo, en palabras do xefe do Executivo galego, é dotar de "unha ferramenta clave" para axudar a "avanzar, innovar e crear máis emprego" a un sector formado en Galicia por preto de 3.000 empresas que dan traballo a "máis de 80.000 persoas" cunha facturación duns 2.000 millóns de euros anuais.

"INTERLOCUTOR". Deste xeito, a Axencia Galega da Industria Forestal actuará como "interlocutor" e centrará o seu traballo en "colaborar" coas pemes que conforman a cadea forestal, pertencentes a subsectores como a explotación forestal –curta e seca, silvicultura e comercialización de madeira en bruto–; primeira transformación –serradoiros– e segunda transformación –carpintería e mobles–.

Así, este novo ente dependente da Consellería de Economía buscará favorecer a posta en marcha de medidas para incentivar o emprego da madeira para a fabricación de produtos de consumo, facer máis competitivo o sector, desenvolver programas de innovación tecnolóxica ou apoiar a apertura de "novos nichos de mercado".

A axencia estará presidida polo titular da carteira de Economía e contará cun consello reitor que a Xunta prevé constituír no mes de setembro, cando tamén será nomeada a persoa que se encargará de dirixir o organismo.

Comentarios