A Xunta contesta aos sindicatos agarrandose ás cifras de Educación

A Consellería de Educación sostivo hoxe que os datos de profesorado no curso 2012-2013 publicados hoxe polo Ministerio demostran "as mentiras totalmente interesadas" de sindicatos e partidos políticos que aludiron a reducións superiores aos 3.000 docentes.

Segundo os datos feitos públicos hoxe e tendo en conta tanto o réxime xeral como os de ensinos especiais e para adultos, o sistema contou este curso que acaba de terminar con 837 docentes menos que o de 2008-2009, o último do bipartito, precisou a Xunta nun comunicado.

Así mesmo, sostén que o Ministerio eleva esa cifra a 1.168 ao comparar ese curso co de 2008-2009, pero sen ter en conta o profesorado de educación para adultos e ensinos de réxime xeral, con 60 e 271 docentes máis.

A Consellería recordou na mesma nota que o titular do departamento autonómico, Xesús Vázquez, compareceu no Parlamento o pasado 14 de xaneiro e durante a súa intervención sostivo que o saldo dos catro anos de mandato fóra de 1.125 docentes menos.

Neste sentido e desglosados os datos, precisou que en 2009-10 foron 151 profesores máis; en 2010-11, 320 menos; en 2011-12, ao recuperarse en infantil e primaria os 25 períodos lectivos a cifra baixou en 587 profesores, e en 2012-13 diminuíu noutros 369.

A comparativa co pasado curso arroxa unha cifra de 393 docentes menos no réxime xeral, continúa a Xunta, pero 172 e 40 máis en adultos e en especiais, o que arroxa un saldo de 181 docentes menos, asevera.

"Estas cifras demostran que a Consellería sempre dixo a verdade respecto do axuste de prazas de profesorado no sistema educativo, e desmenten as falsas acusacións dalgunhas organizacións sobre despedimentos de interinos, cando o que realmente se produciu foron amortizacións por xubilacións", concluíu Educación.

En canto a Formación Profesional, indicou que se contrataron máis de 200 docentes para o curso 2012-2013, polo que en conxunto instou a devanditas organizacións a colaborar co Goberno galego en mellorar a calidade da educación e non en buscar "unicamente a alarma social e a crispación".

Comentarios