A Xunta cualifica de ''mala noticia'' a suba do paro

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, cualificou de mala "noticia" a subida do paro en máis de 7.000 persoas na comunidade autónoma, aínda que buscou consolo no cómputo anual.

"Cando os datos son máis positivos e baixa (o paro) non hai triunfalismos porque o número de xente que quere traballar e non atopa traballo é moi elevado, e agora que subiron as cifras é unha mala noticia", comentou aos xornalistas na Coruña tras seguir un simulacro de urxencia.

O vicepresidente da Xunta explicou que "as cifras comparadas en cómputo anual son mellores, as mellores dos últimos anos", aínda que matizou que "segue habendo moitísima xente desempregada".

"Segue sendo o noso principal problema e temos que dedicar todos os nosos esforzos a atallar o problema do desemprego. Non son boas cifras, é moi elevada e o problema segue sendo moi grande", insistiu.

O paro incrementouse no mes de outubro en Galicia en 7.492 persoas, ata as 268.225, o que supón un incremento do 1,86 por cento, mentres que nos últimos doce meses, aumentou en 413 traballadores, un 0,15 por cento.

Comentarios