A Xunta aposta por dar un novo crédito a Pescanova para sufragar a fianza

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, remitiuse hoxe ao administrador concursal de Pescanova, Deloitte, sobre a posibilidade de participar nun novo crédito á compañía a conta da fianza de 54.7840.678 euros que lle impuxo o xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz.

En declaracións aos medios tras visitar as instalacións do Grupo Maviva en Vigo, Conde comentou sobre o particular que esa posibilidade a ''terá que avaliar" o administrador concursal, para, "a partir de aí, tomar as decisións oportunas", aínda que apostilou que de momento non ten "ningunha noticia respecto diso".

Fixo fincapé en que o préstamo de 56 millóns de varias entidades financeiras, no que participou a Xunta, está a permitir o desenvolvemento das "actividades ordinarias" da compañía, e engadiu: "nese sentido seguiremos apoiando o labor do administrador".

O conselleiro comentou tamén que a fianza civil de 1.200 millóns de euros a dez directivos e seis sociedades de Pescanova, entre eles a súa expresidente Manuel Fernández de Sousa, "non ten que repercutir" na empresa, e recalcou que a Xunta traballa "desde o primeiro momento" co obxectivo de asegurar a súa viabilidade.

Subliñou que as actuacións xudiciais "teñen os seus tempos, distintos á xestión ordinaria", e reiterou que a Xunta está "totalmente vinculada" co labor do administrador, con quen traballa "de xeito conxunto" xunto cos bancos acredores para salvagardar a actividade e o emprego da multinacional.

Conde recordou que nun proceso concursal os tempos están "moi definidos" e que neste caso a administración autonómica está pendente de coñecer o informe da débeda de Pescanova para seguir traballando na presentación dunha proposta de convenio.

Comentarios