A vendima na Ribeira Sacra péchase con case 6 millóns de quilos de uva

Das adegas incritas no rexistro do consello regulador, 83 finalizaron os traballos e once continúan co labor
Una mujer hace la vendimia en una viña para la bodega Ponte da Boga
photo_camera Una mujer hace la vendimia en una viña para la bodega Ponte da Boga

O presidente do consello regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, confirmou que a vendima quedará practicamente pechada no territorio amparado pola denominación de orixe este fin de semana, cunha cantidade de uva recollida que se aproxima aos seis millóns de quilos. O presidente do órgano reitor sinalou a Efe que, a día de hoxe, xa están nas adegas 5.879.492 quilos de uva, pero aínda hai viticultores que continúan traballando para pechar a vendima.

En concreto, das adegas inscritas no rexistro do consello regulador e que, polo tanto, venderán a etiquetaxe ao amparo da denominación de orixe, 83 finalizaron xa a vendima, mentres que 11 continúan traballando.

José Manuel Rodríguez recoñeceu que estamos ante "un bo ano" no que á colleita se refire e, de feito, comentou que as boas condicións climáticas que acompañaron á vendima, cun tempo predominantemente seco, tamén favoreceron que a uva "estea sa". En canto á cantidade de uva recolleita, precisou que representa case "un millón de quilos máis" que na colleita do pasado ano, o que tamén significa que entrou nas adegas un "20% máis" de froito.

En calquera caso, tamén sostivo que ese aumento era necesario, dado que as vendas por parte das adegas incrementáronse este ano en máis dun 10% e a estas alturas da campaña "non queda practicamente nada" de viño por vender.

Con respecto ao prezo da uva, Rodríguez incidiu no feito de que se mantivo estable nos últimos anos, incluso durante os peores momentos da crise, en parte tamén porque as vendas de viño na denominación tampouco se esborrallaron. Para esta campaña, o prezo medio oscila entre 1 euro e 1,10 euros, o que permite manter "un limiar de rendibilidade" suficiente para que os viticultores da comarca poidan seguir na actividade e vivir dela.

Comentarios