A UE apoia o proceso de paz ''con todos os medios'' ao seu alcance

A Unión Europea (UE) apoiará "con todos os medios" ao seu alcance o proceso de paz entre israelís e palestinos, afirmaron hoxe na cidade de Palma de Mallorca (España) o ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, e o seu colega alemán, Guido Westerwelle.

O secretario de Estado de EE UU, John Kerry, chamou onte á noite ao ministro alemán á súa casa de Palma para informar deste proceso impulsado polos Estados Unidos, segundo desvelou García-Margallo con ocasión da reunión de ministros de Asuntos Exteriores da UE celebrada onte e hoxe na capital das Illas Baleares e da que é anfitrión.

En rolda de prensa, Westerwelle eloxiou a mediación de EE UU neste novo intento de renovar as conversacións de paz palestino-israelís e manifestou o seu desexo de que comecen canto antes porque, segundo dixo, trátase dunha "oportunidade histórica" que as partes deberían aproveitar con ''valentía e determinación".

O titular español de Exteriores destacou pola súa banda o papel activo da UE neste proceso de paz ao considerar que nestes momentos, ten "vantaxes que achegar" porque goza de máis "credibilidade" en Israel e Palestina que outra potencia do mundo.

Comentarios