A tensión na Cámara deixa outro cara a cara entre Rueda e unha deputada de AGE

O incidente protagonizado hoxe no pleno do Parlamento polo portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, protagonizou o final da sesión cun enfrontamento verbal entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a deputada deste grupo, Consolo Chelo Martínez.

A parlamentaria interviña en pleno para formular unha pregunta sobre a intervención policial hai unhas semanas nas instalacións da conserveira Cuca, en Vilaxoán, onde se encerraban as súas traballadoras para evitar que se desmantele a empresa.

Ao comezar, Chelo Martínez citou os nomes de traballadores que morreron na transición en intervencións policiais. "Hoxe, trinta e cinco anos despois, a clase traballadora chega a sufrir a represión do poder económico, aliado co poder político, que utilizan os recursos públicos para someter pola violencia o pobo", apuntou.

Ao seu xuízo, "iso é o que pasou en Conservas Cuca: outra vez os corpos represivos do Estado ao servizo do capital, empregando a violencia contra os traballadores", subliñou a parlamentaria, que foi chamada á orde por segunda vez, despois de que o fixese esta mañá, pola Presidencia do Parlamento, xa que mantivo a palabra a viva voz cando xa se lle fora  retirada.

"Que fácil mo pon vostede", replicoulle Rueda, por falar "entre a desmesura e esa especie de dereito que vostedes se autootorgan para dicir a primeira barbaridade que se lle ocorre pola cabeza".

Alfonso Rueda recordou o incidente producido pola mañá, en que o líder de AGE, Xosé Manuel Beiras, que se encarou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao comezo dun tenso pleno que debateu sobre as fotografías do xefe do Executivo co narcotraficante Marcial Dorado.

Esta actitude foi, dixo, "a mellor mostra de en que consiste o seu labor parlamentario" e subliñou que, "fronte ás súas actitudes, os seus insultos, fronte a crer que poden dicir de todo pero non poden escoitar de nada, voulle a dicir unha cousa que lle vai doer: aquí cremos no Estado de dereito". Tamén dixo crer "na Policía democrática, e se vostede os quere insultar, cada día se retratan máis".

A deputada replicoulle que, lonxe de ofenderse, sentía "encantada" do que lle dicía Rueda, xa que dixo sentirse "realmente representada, porque a súa democracia non é a democracia, a súa democracia é a ditadura parlamentaria", subliñou.

Chelo Martínez referiuse a traballadores "asasinados por orde do entón ministro Fraga Iribarne, o seu gran líder", en alusión ao PP, e agregou que neste partido "seguen utilizando as institucións de forma fraudulenta" para permitir que a empresa Cuca leve "o que é dos traballadores" e os galegos ao terse investido na empresa diñeiro público.

Rueda reafirmouse que hoxe "é o día máis adecuado para que falen de violencia" tras "o que vimos aquí", sinalou, sen que AGE teña a "gallardía de pedir desculpas" ao pobo galego "que viu a escena e que non me estraña que pense que ás veces non vale a pena; non vale a pena o que fan vostedes", concluíu.

Ademais, incidiu en que a democracia consiste en pensar que non se pode tolerar "que se acose nin a nós nin a vostedes; a democracia de vostedes é que acosar aos que non son vostedes está ben e hai que animalo, e cando lles acosan a vostedes é o fascismo e hai que criticalo". "Ese é o retrato perfecto de en que consiste o seu labor de oposición", sinalou Rueda, que recriminou a Martínez: "Vostedes non cren na democracia dos votos".

Comentarios