A 'tasca' do liño de Vilalba será o día 29 en Insua

A asociación de mulleres rurais San Bartolomeu de Insua celebra o día 29 deste mes a terceira edición da ‘tasca' tradicional do liño, unha cita festiva coa que culminan os traballos ao redor desa planta, que ocupan boa parte das actividades que programa cada ano a entidade.

A cita iniciarase ás 11.00 horas no campo da festa da parroquia vilalbesa de Insua, onde as mulleres da asociación realizarán demostracións do proceso do liño e do seu tecido en teares antigos. Esta actividade complementarase con mostras de artigos feitos por artesáns con pezas de madeira, de coiro, bordadas, a ganchillo ou de cestería, ademais do traballo en vivo da artesá Clara Naseiro, especialista en tallar madeira, e do zoqueiro guitiricense Abel Losada.

Ágape

A celebración de Insua incluirá tamén unha comida popular a base de produtos típicos da zona. Así, poderanse degustar filloas, liscos, chourizos, xamón cocido, todo iso servido nun prato de madeira como recordo, ao prezo de 15 euros, coa bebida incluída.

Os interesados en apuntarse á comida poden reservar praza chamando ao 696.61.84.54. Ademais, á noitiña realizarase o conxuro da queimada.

Comentarios