A sardiña para San Xoán rolda os cinco euros en pescadería

Venta de sardina, este jueves en Pescados Pepa de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Venta de sardina, este jueves en Pescados Pepa de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

As descargas de sardiña nas lonxas de Burela e Celeiro, aseguran que na noite de hoxe poderase degustar este peixe xunto ás fogueiras de San Xoán. Os cerqueiros de Foz, Burela e Celeiro descargaron onte preto de 1.000 caixas de sardiña (de 12,5 quilo cada unha) que alcanzaron unhas cotizacións de entre 46 e 56 euros. O prezo nas pescaderías consultadas era xa superior ao de días anteriores e oscilou entre os 4,39 e os 5,50 euros por quilo.

Na pescadería O Pastoriza de Burela, vendeuse o peixe procedente da lonxa local a 5,50 euros quilo e explicaban que os clientes encargan sardiña, «sobre todo para a véspera de San Xoán independentemente do prezo, posto que dentro duns días baixará dous e ata tres euros». Desde a pescadería Grallal de Covas José Luís Chaves indicou que nesta localidade é típico degustar este peixe ao día seguinte de San Xoán, pero aínda así onte venderon sardiñas procedente da poxa de Celeiro a 4,95 euros, tamén para clientela doutras localidades. En Ribadeo a pescadería de Ramón Rodríguez tiña este peixe procedente de Burela e Avilés a cinco euros, un euro máis caro que o martes, algo máis baratas vendíanse no supermercado Familia de San Cibrao, con sardiña da Coruña cun prezo de 4,39.

O patrón do cerqueiro Ollo do Mar, Alberto Rey, apuntou que onte cada embarcación capturou «entre 5.000 e 3.000 quilos, o que está ben para estas datas» e ademais o peixe «tivo unha boa cotización de 56 euros a caixa, o día anterior que tamén lograron capturas o prezo era de 35 euros», dixo. Polo momento a sardiña atópase nunha zona habitual, a unhas 8 millas norte de Foz. En relación á poxa, Rei indicou que se notaron os encargos realizados polas grandes superficies, que fixeron subir o prezo, tamén impulsado pola escaseza de sardiña na costa coruñesa, debido a un problema con medusas, que dificultan a súa pesca.

A lonxa de Burela foi a que máis peixe vendeu, «uhnas 900 caixas» dixo o rulero Javi López. Houbo venda por de tarde e tamén de madrugada «aínda que as mellores sardiñas son as do albor, debido a seus hábitos de alimentación xa non están tan cheas e teñen mellor aspecto.

Comentarios