A saída do concurso de Pórtico atrásase pola xestión da Axencia Tributaria e Fogasa

A saída do concurso de acredores de Pórtico está a atrasarse pola presentación, por parte da Axencia Tributaria, dun incidente de aclaración sobre o convenio aprobado o pasado día 6 e pola negativa do Fogasa a asumir un preacordo coa compañía sobre o pago de indemnizacións.

O director xeral de Pórtico, Emilio Castro, mostrou, en declaracións a Efe, a súa preocupación porque estas dúas circunstancias colocan á firma de decoración e enxoval "ao bordo dunha situación perigosa".

Castro detallou que a ampliación de capital por 2,5 millóns de euros prevista no convenio, ratificado por case o 70% dos acredores e que establece quitas do 50%, deberá esperar á aprobación do mesmo por parte do Xulgado do Mercantil 2 de Pontevedra.

Iso implicará, como consecuencia máis inmediata, probables atrasos no pago das nóminas en xuño, algo que os traballadores de Pórtico analizarán hoxe en asemblea.

A aclaración que pide a Axencia Tributaria sobre o convenio ten que ver cunha cláusula introducida, "a petición da banca", segundo matiza Castro, respecto de que mentres se cumpra o convenio non se pode ir contra os seus avalistas.

O director xeral de Pórtico cualificou de ''inesperado" e "ilóxico" o incidente de aclaración de Hacienda, tras haber concitado o consenso entre a banca, o resto de acredores e os sindicatos.

Aínda que maior preocupación xéralle o feito de que o Fogasa esixa máis garantías que as pactadas inicialmente para asumir a maior parte do custo das indemnizacións dos 200 traballadores que se acolleron ao ERE o pasado mes de novembro.

Detallou que ese acordo contemplaba que o Fogasa asumise estes pagos e logo os reclamase a Pórtico, e chamou a atención sobre o feito de que se ao final non o cumpre e Pórtico vai á liquidación, terá que custear tamén a indemnización dos 180 empregados que seguen en nómina.

Castro explicou tamén que estes días se atopa de visita de negocios en Asia para pechar acordos con provedores daquel continente para que participen na ampliación de capital de Pórtico.

O pasado 6 de maio, cerca do 70% dos acredores de Pórtico deron o seu visto e prace ao convenio, que establece quitas do 50%.

O convenio versa sobre unha débeda de 37 millóns de euros -hai 12 millóns máis privilexiados que quedan á marxe do acordo- sobre a que votou o 72,9% do capital debido, fundamentalmente aos bancos Santander, BBVA, Novagalicia Banco, Sabadell e Bankinter.

Entidades financeiras que acolleron a unha quita que implica que o resto se vaia devolvendo en 12 anos, tras dous de carencia iniciais, en porcentaxes que se irán incrementando con carácter bienal desde o 3% para os anos cuarto e quinto ata o 22% para o undécimo e duodécimo.

En contra do acordo votou a Axencia Tributaria, con 1,1 millóns de euros que representaban o 2,89% do montante total debido, polos 26,2 millóns (o 69,79%) de acredores que votaron a favor da proposta.

O acordo sobre Pórtico estaba condicionado ao da súa filial Silomundi, que se celebrou a continuación do primeiro.

Este segundo acordo foi aprobado cunha maioría máis reforzada, o 86,62% do pasivo ordinario (24,2 millóns de euros) e só o 0,52 en contra.

Comentarios