A reparación da casa consistorial de Baralla custará 150.000 euros

A rehabilitación da casa consistorial do municipio lucense de Baralla, para reparar os danos provocados polo artefacto explosivo colocado a principios de mes e atribuído ao grupo terrorista Resistencia Galega, suporá un gasto duns 150.000 euros. Os traballos poderían iniciarse en novembro, para estar terminados nun prazo de tres meses.

O alcalde, Manuel González Capón (PP), confirmou que este xoves mantivo unha reunión co arquitecto municipal, quen lle presentou o seu informe definitivo sobre os danos ocasionados na casa consistorial pola deflagración, que rebentou a planta baixa do edificio e provocou danos na fachada.

Segundo ese informe, a reparación dos danos suporá a execución de obras por un importe próximo aos 150.000 euros, dado que a bomba non provocou danos estruturais graves que obriguen a demoler parte da casa consistorial.

A esa cantidade hai que sumar "entre 30.000 e 50.000 euros" que supoñen os danos no contido (cadeiras, mesas, despachos).

O martes da semana que vén, o rexedor local reunirase co consorcio de seguros para pechar o orzamento e solicitar un anticipo para iniciar canto antes os traballos de reparación, que se espera que comecen a principios de novembro. Será o mércores cando leve a cabo unha avaliación "definitiva".

Comentarios