A preocupación pola corrupción cae case seis puntos nun mes

A preocupación dos españois pola corrupción caeu case seis puntos nun mes, o que a sitúa como terceiro problema dos españois tras dez meses como segunda preocupación, segundo o barómetro de novembro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

Como consecuencia desta baixada, os problemas económicos volven recuperar o segundo posto, xa que a preocupación por eles é a mesma que o mes anterior.

A enquisa, realizada entre o 1 e o 9 de outubro e feita pública hoxe, indica que o paro segue sendo a primeira preocupación para o 77,4 %, unha porcentaxe similar ao 77,3 % que o sinalaba hai un mes; que os problemas económicos é a segunda (32,7 % fronte ao 32,5 % do mes anterior) e que en terceiro lugar aos españois preocúpalles a corrupción e a fraude (31,3 % fronte ao 37,1%).

DESDE FEBREIRO NO SEGUNDO POSTO
Desde que en febreiro a corrupción e a fraude desbancasen do segundo posto aos problemas económicos -co estalido, entre outros, do caso Bárcenas- esta preocupación dos españois alcanzou a súa puntuación máxima en marzo (44,5) e a mínima en maio (30,7).

Os políticos en xeral, os partidos e a política ocupan o cuarto posto na lista de problemas dos españois, cun 28,6 % (28,2 en outubro).

A sanidade segue ocupando o quinto lugar, aínda que crece a preocupación por ela -13,4 % fronte ao 10,2 % de outubro- e a educación o sexto, aínda que a preocupación neste caso é similar -9,1 % fronte a 9,6-.

Séguenos os problemas de índole social (7,4 %), os recortes (5,2 %) e as pensións (3,4 %), este último por primeira vez no ranking das nove primeiras preocupacións, relegando ao décimo posto ao Goberno e partidos ou políticos concretos (3,2 %).

A mostra tamén reflicte un aumento da porcentaxe dos que cren que a situación económica é mala ou moi mala -88,4 % fronte ao 85,9 % de hai un mes-, aínda que sobe o dos que a ven mellor ou igual que hai un ano (48,3 % fronte a 46,6 %).

CONFIANZA NO FUTURO
Así mesmo, aumenta dous puntos e medio a crenza de que a situación económica será mellor dentro dun ano (20,7 fronte a 18,1).

En canto á situación política, o 93,1 % considera que é igual ou peor que hai doce meses -igual o 51 % e peor o 42,1-, fronte ao 91,5 que o cría o mes pasado, e só o 3,3 afirma que é mellor, un punto menos que no barómetro anterior.

A actual situación política é moi mala para o 50,5; mala para o 31,7; regular para o 13,4; boa para o 1,4 e moi boa para o 0,2, porcentaxes algo máis negativas que os do último barómetro.

Tamén son menos os que pensan que dentro dun ano a situación política do país será mellor (de 10,9 % a 9,3 %), mentres que aumentan os que cren que será igual (48,6 % fronte a 46,2) e mantense practicamente igual o dos que cren que será peor, ao pasar do 32 ao 31,7.

Comentarios