A Politécnica celebra o Día da Terra

Entrega de premios en la Politécnica. FROILÁN CALDERÓN
photo_camera Entrega de premios en la Politécnica. FROILÁN CALDERÓN

A Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo organizou este xoves un acto conmemorativo do Día da Terra, no que o catedrático do departamento de Produción Vexetal, Antonio Rigueiro Rodríguez, falou sobre a importancia da conservación da biodiversidade nos bosques galegos e no que tamén se entregaron os premios á calidade e excelencia lingüística.

Rigueiro fixo un percorrido polas características dos principais ecosistemas autóctonos, como carballeiras, soutos e hayedos e incidiu na importancia da súa protección. O profesor destacou que en Galicia hai 74 especies vexetais e animais ameazadas e outras 126 en situación de vulnerabilidade, moitas delas están ligadas aos bosques, polo que os danos que estes poidan sufrir teñen unha incidencia directa na supervivencia dos animais e plantas da súa contorna. O catedrático tamén falou da importancia dos labores de conservación das masas arbóreas autóctonas como a talla selectiva, a renovación das copas ou a aplicación de tratamentos fitosanitarios.


Premios á calidade lingúística
No transcurso do acto, tamén se fixo entrega dos premios á calidade e excelencia lingüística, concedidos pola comisión de normalización do centro e creados coa finalidade de promover o uso da lingua galega e a calidade lingüística nos traballos académicos.

Os galardoados nesta edición foron, no apartado de traballos académicos, os alumnos Pablo Antoñón Vales e Félix Carpente Fachal, da titulación de Enxeñería Técnica en Obras Públicas, e na modalidade de traballos de fin de carreira ou fin de máster os premios recaeron en Natalia Seco Reigosa (Enxeñería Técnica Agrícola), Esperanza Vázquez González (Enxeñería Técnica Forestal), Álvaro Gómez Otero (Enxeñería Técnica en Topografía) e Miguel Álvarez Díaz e Marcos Sánchez Carricoba (Enxeñería Técnica en Obras Públicas).

Exposición de traballos
A Politécnica pechará, por outra banda, este venres dúas exposicións. A primeira delas recolle os mellores traballos realizados polos alumnos do máster en Arquitectura da Paisaxe Juana de Veiga, impartido conxuntamente pola USC e a Universidade da Coruña.

A segunda das mostras, denominada 'A muller e a enxeñería: de onde vimos e a onde imos', componse dunha serie de paneis nos que se fai un percorrido polo proceso de incorporación da muller ao ámbito universitario, especialmente nas titulacións da área técnica, nas que a porcentaxe de mulleres sobre o total de matriculados segue sendo minoritaria, a pesar dos avances conseguidos.

Comentarios