A Policía científica de Lugo identifica a uns ladróns polo seu ADN

A Brigada Provincial de Policía Científica da Comisaría de Lugo logrou identificar a dous supostos integrantes dunha banda que desvalixou un comercio de roupa na rúa San Fernando desta cidade no ano 2010, grazas ás pegadas dixitais recollidas na tenda e ás probas de ADN.

O roubo foi perpetrado a finais do ano 2010 e a banda de asaltantes conseguiu levar un lote de pezas de marcas moi coñecidas valorado polos seus propietarios nuns 60.000 euros.

Segundo informou a Comisaría de Lugo nun comunicado, os ladróns forzaron o enreixado de seguridade, romperon o cristal da porta de acceso e provocaron numerosos danos no interior da tenda, pero tamén deixaron suficientes rastros para que a policía chegase finalmente a identificalos.

Algúns integrantes da banda foron identificados o pasado ano, pero para chegar a determinar a identidade dos dous últimos, a policía tivo que recorrer a métodos máis avanzados e laboriosos.

Un deles foi identificado despois de que a Policía Científica lograse illar unha das súas impresións dixitais, mentres que a identidade do outro puido ser acreditada grazas a probas de ADN.

Os supostos ladróns son persoas orixinarias de países do Leste de Europa e a policía continúa coas investigacións para localizalos e detelos.

Comentarios