A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña anunciou onte unha nova concentración en defensa da autonomía do Hospital da Costa. Será o sábado, ás 12.30 horas, no propio centro. «Preténdese abrazar de xeito simbólico o hospital nun acto silencioso por respecto aos pacientes alí ingresados», explicaron desde o colectivo.
A mobilización ten un carácter preventivo ante a publicación o pasado luns do decreto de xestión integrada da área de Vigo no Diario Oficial de Galicia (DOG). «Xa só queda a publicación do decreto lugués para completar a demolición do actual mapa de xestión sanitaria de Galiza e por tanto faise un chamamento a participar activamente para frear estas intencións que poderían estarse adiantando para aproveitar as datas de festividade dos próximos días», aseguraron na plataforma.