A Plataforma en Defensa das Costas do Parque Rosalía de Castro ve "moi dubidosa" a indemnización polo Garañón

O presidente da Plataforma en Defensa das Costas do Parque Rosalía de Castro, Marcos Bourio, afirmou este xoves que a indemnización pola derriba do Garañón é "moi dubidosa".

Así o manifestou despois de que a alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, anuncie que a xunta de goberno aprobará o vindeiro mércores o inicio do procedemento para acatar as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que invalida as licenzas de construción e urbanización, e derrubar as torres do Garañón.

Bourio incidiu en que a indemnización da derriba "é moi dubidosa e terá que dirimirse quen foi o que levantou todo, cos gastos ocasionados, desde o momento que houbo unha orde de paralización", e é que foi o xulgado de Instrución número 1 o que ordenou que se paralizase a obra.

Dito isto fixo fincapé en que cre que "hai tamén unha responsabilidade importante do promotor, porque todo o que se fixo desde a orde de paralización foi unha irresponsabilidade tremenda", sinalou.  "Haberá que ver quen determinou e quen ordenou seguir para diante. A partir de aí repartir as cantidades. Non é todo responsabilidade do concello senón que tamén recae sobre o promotor", puntualizou.

Finalmente apela a que se faga unha peritación ben feita" sobre o custo total para a derriba destas edificacións aos pés do parque Rosalía de Castro.

Comentarios