A parroquia monfortina de Caneda acolle unhas xornadas para aprender a elaborar cervexa

"A produción de cervexa artesá medrou, pero non o seu consumo", indicou Alberto Gómez de In Peccatum

A asociación Savilemos, que desenvolve a súa actividade por todo o sur de Lugo, organizou unhas xornadas na parroquia monfortina de Caneda nas que a cervexa artesá foi a gran protagonista. En dúas sesións, unha práctica e outra teórica, os asistentes ao evento puideron aprender cal é o proceso de fabricación desta bebida fóra das fábricas comerciais.

Alberto Gómez, da firma ourensá In Peccatum, foi o encargado de impartir ambas as xornadas. Cada paso para elaborar cervexa foise colgando no perfil que o colectivo, cuxo presidente é Luis Rodríguez, ten na rede social Facebook.

O obxectivo desta iniciativa era incrementar o gusto e os coñecementos sobre a cervexa tradicional na cidade do Cabe, así como o gusto pola mesma. "A produción de cervexa artesá medrou, pero non o seu consumo", indicou Alberto Gómez.

Savilemos comezou, ademais, un concurso de logos e nomes cos que bautizar ao produto que sairá das clases prácticas dentro de aproximadamente un mes e medio.

Os interesados participaron no proceso de fabricación de 25 litros de cervexa que, segundo Gómez, "leva produtos totalmente naturais". Segundo o representante de In Peccatum, a bebida que xurda non levará produtos químicos nin aditivos e non se vai a pasteurizar.

Comentarios