A montaña rusa de Dani Martín volve a Galicia

O cantante madrileño ofrecerá un concerto o domingo na Coruña, no marco da xira para presentar o seu terceiro disco, 'La montaña rusa'
Dani Martín
photo_camera Dani Martín

A Coruña: Dani Martín presenta La montaña rusa
O cantante madrileño Dani Martín actuará o domingo, ás 21.00 horas, no Palacio da Ópera da Coruña, no concerto de presentación na cidade herculina do seu terceiro disco, La montaña rusa (entradas desde 30 euros). O intérprete, que saltou á fama fai 15 anos co grupo El canto del loco e que hoxe en día é un dos artistas máis importantes do panorama nacional, tamén cantará éxitos de sempre como Las ganas, Cero, Que bonita la vida, Los charcos, Emocional ou Mira la vida.

Vigo: Tributo a Queen no teatro Afundación
O teatro Afundación de Vigo acollerá este sábado, ás 20.30 horas, Remember Queen World Tour, un espectáculo cuxo obxectivo é crear a sensación de estar a ver a Queen en vivo, grazas a que os seus integrantes ocupan a formación exacta que tiña o grupo inglés sobre o escenario, utilizando dez cambios de vestiario. Ademais, o show inclúe un soporte visual cos vídeos que Queen legou ao longo dos anos e que servirán ao público para coñecer a banda de Freddy Mercury e os mellores momentos da súa carreira. As entradas para este espectáculo, que foi visto por máis de 500.000 persoas en pasadas tempadas, pódense adquirir a partir de 18,90 euros.

Pontevedra: Depedro presenta Acuérdate na sala Karma
A sala Karma acollerá este venres, ás 22.00 horas, o concerto de Depedro —alias musical de Jairo Zavala—, un artista que traspasa fronteiras. O cantante madrileño volve subirse ao escenario da sala pontevedresa para presentar o seu último EP, titulado Acuérdate. Neste traballo conta coa colaboración de Fuel Fandango para revisar unha das cancións do seu anterior traballo de estudo ou de Amparanoia para versionar a canción Somos viento. Ademais o EP inclúe catro novos temas. O último disco completo de estudo de Depedro foi El pasajero, editado en 2016, no que mostra a súa versión máis persoal. O prezo das entradas é de 14,50 euros (13 euros máis gastos de distribución).

Ourense: Idiota, no teatro Principal
O teatro Principal de Ourense acolle este sábado, a partir das 21.00 horas, a representación de Idiota, de Kamikaze Producións. Unha estética cinematográfica, moi próxima á novela gráfica, servirá para pór en pé esta singular proposta escénica, tan hilarante como inquietante e chea de intriga. Unha montaxe sobre a capacidade de sufrimento do ser humano, que o propio director introduce como: "Dous actores, un texto. A luz acéndese. A vida flúe...". Entradas desde 12 euros.

A Coruña: Ariel Rot e Stivel retoman os sons de Tequila
Ariel Rot e Afasto Stivel actuarán este venres, ás 23.00 horas, na sala Pelícano da Coruña, no seu segundo reencontro como Tequila. Tras a súa pequena xira de catro concertos en España o pasado xuño, os arxentinos volverán compartir escenario na Coruña, logo de case unha década sen actuar en Galicia. Tequila foi o grupo que cambiou os parámetros do rock en español a finais dos anos 70 e foi a bisagra imprescindible para recibir a década dos 80 e a Movida madrileña. Influenciados por Chuck Berry e, sobre todo, The Rolling Stones, afastáronse do puxante son punk. Na Coruña volverán soar temas tan bailados como Rock and roll en la plaza del pueblo ou ¡Salta!. Entradas desde 18 euros.

Lugo: O Festiblas regresa con máis forza
A tempada de concertos estréase na capital lucense co Festiblas, un festival que xa vai pola súa oitava edición e que reúne nun mesmo escenario a unha exquisita selección de bandas. Este venres darán o pistoletazo de saída Non Grafts, Kings of The Beach e Os Wallas. O sábado será a quenda de Thee Boas e Fogbound. As entradas para gozar deste evento pódense adquirir en na librería Totem, no Ho! Gruf e no Clavicémbalo, lugar onde levarán a cabo todos os concertos, a partir das 23.00 horas. Os prezos oscilan entre os 10 euros e os 16 se se opta por un abono para asistir aos concertos durante os dous días que dura o festival.

Ferrol: Blanco e Davila invitan a un Menu da noite
O espectáculo Menú da noite, do debuxante Luis Davila e o actor Carlos Blanco, recala este sábado, ás 20.30 horas, no teatro Jofre de Ferrol. Davila e Branco combinan enxeños e artes para ofrecer un show humorístico no que viaxan a Broadway coas aixadas, bailan claqué, cociñan caldo ou debuxan en directo. O ilustrador pontevedrés criado en Bueu e o actor vilagarcián prometen un show ameno no que a comedia e a ilustración fundiranse e converteranse nun todo. Trátase, como eles definen, de "un xogo escénico, un traballo a dúo onde a comedia ten risas debuxadas". O espectáculo contará coa música de Budiño e Kepa Junkera. Entradas desde 8 euros.

Pontevedra e A Coruña: Lola Herrera e Juanjo Artero protagonizan La velocidad del otoño
O Auditorio do Pazo da Cultura (este venres, ás 21.00 horas, desde 20 euros) e o teatro Rosalía de Castro da Coruña (o domingo, ás 20.30 horas, desde 9,60 euros) a representación de La velocidad del otoño, dirixida por Magüi Mira e protagonizada por Lola Herrera e Juanjo Artero. A protagonista é Alejandra (Lola Herrera), unha artista de 79 anos, que se enfronta á súa familia polo lugar onde vai pasar o resto dos anos que quedan de vida. Trátase dunha obra mordaz, divertida e profundamente conmovedora sobre a fraxilidade da vida.

Santiago: A maxia do cine, protagonista de Curtocircuíto
A edición número 14 de Curtocircuíto, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se desenvolverá desde o domingo ata o 8 de outubro, estará dedicada aos cineastas F. J. Ossang e Teddy Williams, aos que se lles dedicarán dúas retrospectivas. O programa dedicado ao director francés F.J. Ossang descubrirá a un artista underground, incapaz de limitar a súa creatividade a unha soa disciplina. Explosivo e sensible, audaz e transgresor, prolífico e sorprendente. Pola súa banda, Teddy Williams, desde a inercia dun movemento constante e impreciso, foi construíndo unha obra que reflicte a incerteza dunha mocidade case esquecida e abandonada polos adultos. Ademais, realizaranse concertos, talleres e seminarios.

Lugo: A Praza da Soidade acolle a Feira do Mel
Lugo celebrará o domingo a XXV Feira do Mel de Lugo. Desde as 10.00 ata as 18.00 horas daranse cita na Praza da Soidade 22 expositores que representarán todas as clases de meles da provincia. Durante esta xornada, os visitantes terán a ocasión de poder catar un dos manxares máis tradicionais e benificiosos que se coñecen. Así, atoparán mel de distintos tipos, escuras ou claras, dependendo do clima no que se dean. A XXV Feira do Mel augura ser todo un éxito e bater as marcas de anteriores edicións. No caso de que o tempo non acompañe, porase unha carpa para que o público que decida acudir resgárdese, evitando desta forma unha menor afluencia de persoas asistentes.

O Porriño: Puro rock no Montando Cristo Festival
A cuarta edición do Montando Cristo Festival (MCF) volverá alagar O Porriño de puro rock grazas á participación de catro bandas moi dispares. O MCF 2017 comeza este venres nas escaleiras do Parque do Cristo coa actuación de Tati's Joplin & The Kozmic Blues Band, un grupo tributo á desaparecida Janis Joplin e á súa formación máis lendaria. O sábado será a xornada forte do festival e celebrarase na Carpa Roxy, onde se subirán ao escenario Ánima, Stoned at Pompeii e Blast Off, todas de orixe galega. é, sen dúbida, unha oportunidade de ouro para coñecer mellor o panorama musical en Galicia a través dunhas bandas que cada vez teñen máis adeptos. Os concertos empezan a partir das 23.30 horas.

Pontevedra: Volven as Noites de Retranca
Noites de Retranca, o espectáculo de humor máis visto de Galicia con máis de 40.000 espectadores, regresa a Pontevedra con Manuel Manquiña e Luis Zahera nun man a man épico. Ambos os actores farán que o público pase dúas horas de risa e moi bo ambiente, co humor galego máis característico, ese que tira da retranca para facer rir sen parar. A cita para gozar do surrealismo humorístico de Zahera e o sarcasmo de Manquiña é este sábado, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entradas desde 11 euros.

Comentarios