A Ludus Party Net reuniu a máis de 7.000 persoas

Zarzuela entrega el premio al mejor portal asociativo (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Zarzuela entrega el premio al mejor portal asociativo (Foto: Xesús Ponte)

A concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela, confirmou que máis de 7.000 persoas participaron durante o fin de semana nas distintas actividades organizadas dentro do programa da Ludus Party Net, que se está celebrando no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense.

No rexistro oficial do "maior evento tecnolóxico do noroeste de España", explicou Luisa Zarzuela, estaban inscritos máis de 650 usuarios de internet, a maioría novas. Con todo, nas distintas actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, organizadas con motivo desta cita, participaron "unhas 7.000 persoas", precisou.

De feito, asistiron aos distintos talleres de formación representantes duns "30 colectivos culturais, veciñais e deportivos" da cidade, para crear a súa propia páxina web e incluíla "no portal das asociacións" creado polo propio Concello, ao que xa se pode acceder na Rede a través da dirección corporativa da Administración local: www.lugo.es.

"Estamos moi satisfeitos polo feito de que as asociacións da cidade teñan esa inquietude e ese interese por estar presentes en Internet e difundir a súa información a través da Rede, para dar a coñecer o que fan", dixo Luisa Zarzuela. Con respecto ao portal, a concelleira recordou que "aínda foi presentado estes días e, aos poucos, haberá que ir enchéndoo de contidos e vendo como funciona, pero tivo unha gran acollida".

"Todas as actividades de formación estiveron a lume de biqueira e creo que podemos falar dun gran éxito", asegurou Zarzuela, quen tamén anunciou que o próximo ano o Concello de Lugo aumentará o número de prazas dispoñibles para responder á demanda dos usuarios.

Comentarios