A liga inglesa dá luz verde á primeira xornada a pesar dos disturbios

Nove dos dez partidos da primeira xornada de Liga inglesa xogaranse como estaba previsto este fin de semana, a pesar dos disturbios rexistrados nos últimos días en varias cidades de Inglaterra, informou este xoves a Premier League.

Despois de que na mañá deste xoves se anunciase que o partido do sábado entre o Tottenham e o Everton quedaba aprazado por problemas de seguridade nas infraestruturas do club londiniense, a liga inglesa sinalou que, tras manter conversacións coa policía, o resto de encontros celebraranse con normalidade.

"Por mor das conversacións mantidas coa policía metropolitana, as autoridades locais e os clubs, podemos confirmar que os partidos previstos na capital seguirán adiante tal e como estaba previsto esta fin de semana", afirmou nunha comunicado a liga de fútbol inglesa.

"Segundo a información recibida por parte das autoridades, non hai razón para crer neste momento que os partidos que se celebrarán fóra de Londres vaian resultar afectados", engadiu o comunicado da Premier League.

Os encontros da xornada manteranse no horario previsto a pesar de que o primeiro ministro británico, David Cameron, recomendou este xoves no Parlamento que se celebrasen antes para evitar posibles incidentes.

O único encontro que se aprazará nesta primeira xornada será o que ía disputarse en Tottenham, o barrio onde o pasado sábado estalou a onda de actos vandálicos que se estendeu por diversas cidades de Inglaterra nos últimos días.

"A policía fixo un traballo estupendo, pero durante toda a semana Tottenham foi escenario de disturbios, e as autoridades non tiveron suficiente tempo de facer o necesario" para devolver a normalidade á zona, explicou o presidente da Premier League, Richard Scudamore.

Comentarios