A Xunta Electoral prohibe as manifestacións do sábado e o domingo

A Xunta Electoral Central (XEC) declarou ilegais todas as manifestacións do chamado Movemento do 15-M tanto na xornada de reflexión como durante o día da votación. A XEC decidiu declarar "contrarias á lexislación electoral" aquelas concentracións "e reunións" que se celebren entre as 00.00 horas do día 21 de maio (xornada de reflexión) e durante o día das votacións.

Os membros da Xunta Electoral advirten de que, "en consecuencia, non poderán celebrarse" esas concentracións, segundo un acordo alcanzado nunha votación moi axustada tras unha deliberación de seis horas e media.

O máximo órgano electoral non especifica se deben ou non permitirse as concentracións o venres, e recorda que a competencia neste ámbito durante a campaña está atribuída pola lei ás xuntas provinciais, sen prexuízo de que a JEC "unifique criterios interpretativos".

O máximo órgano electoral considera que tanto a petición de voto a favor dalgunha candidatura como "a invitación a excluír a calquera delas" supoñen un "comportamento non acorde ás previsións" da Lei Electoral e que "excede do dereito de manifestación garantido constitucionalmente".

Deixa claro así mesmo que o exercicio do dereito fundamental de reunión vese modulado" durante o desenvolvemento da campaña por unha serie de normas cuxo propósito é o de compatibilizalo cun proceso electoral "limpo, transparente, obxectivo e en condicións de igualdade para todos os que participan nel".

Engade que durante moitos anos e en numerosos acordos fixou a existencia de límites ao dereito de reunión, e por iso considera que "estendelo máis aló do solicitado", é dicir, mentres dure a campaña segundo os solicitantes, resultaría "non só incongruente, senón contrario á propia legalidade vixente".

A Xunta recorda que nos días de reflexión e votación a lexislación electoral prohibe todos os actos de propaganda e campaña. Por iso, explica, o mesmo día dos comicios está prohibida a formación de grupos "susceptibles de entorpecer de calquera xeito" o acceso aos locais electorais así como a presenza nas súas proximidades de quen poidan dificultar ou coaccionar o libre exercicio de votar.

A Xunta admite que ao tratar un asunto sobre o dereito fundamental de reunión debe facer unha interpretación extensiva e favorable" que permita o seu exercicio e que, en todo caso, as limitacións que se poñan deben ser "especialmente relevantes e estar fundamentadas en criterios xuridicamente fundados". No entanto recalca que non se está ante un dereito "irrestricto e sen límites".

A Xunta recorda ademais que é competente neste caso só porque se produce durante unha campaña electoral e o seu labor é o de velar por que se cumpra a "transparencia e obxectividade do proceso electoral e o principio de igualdade" que marca a Lei.

A XEC vai comunicar a súa decisión a todas as xuntas electorais provinciais e tamén ao Avogado Xeral do Estado, que eran quen elevaran consultas sobre as repercusións que para o proceso electoral podían ter as mobilizacións dos "indignados". A votación, segundo fontes próximas a este organismo, foi moi axustada, e nela non participaron todos os membros da XEC.

A Xunta Electoral Central é o órgano encargado de arbitrar os procesos electorais, e está composta por quince membros, dos cales trece son vocais con dereito a voto. Trátase de oito maxistrados propostos polos xuíces e cinco catedráticos e expertos elixidos a proposta dos grupos parlamentarios. Estes últimos son Silvia Díaz Alabart e Pedro José González Trevijano, propostos polo PP; Rosario García Mahamut e Pablo Santolaya, suxeridos ao Parlamento polo PSOE, e Joan Manuel Trayter, polos partidos minoritarios.

Comentarios