A heroína entra en Lugo desde Ferrol e Pontevedra en pequenas cantidades

A maioría desta droga incautada na capital procede de poboados chabolistas
Registro en el poblado de San Simón, en Vilagarcía.
photo_camera Registro en el poblado de San Simón, en Vilagarcía.

A heroína que se consome en Lugo, segundo explica a Policía Nacional, procede fundamentalmente de poboados chabolistas da costa de Pontevedra e de Ferrol, dous enclaves aos que se desprazan a miúdo os camelos da provincia e nos que as redadas policiais son unha constante.

Segundo explican desde o grupo antidrogas da Policía Nacional, "os provedores adoitan asentarse en poboados chabolistas –como o de Catabois, en Ferrol, ou o de San Simón, en Vilagarcía de Arousa– e os traficantes de Lugo adquiren alí a droga en cantidades polo xeral pequenas. Despois transpórtana por estrada e distribúena por dose entre os consumidores habituais. Ao ser unha droga que causa graves danos á saúde", explican, "as penas se os pillan son moi elevadas, polo que non arriscan moito coas cantidades".

Víctor Souto, capitán da Garda Civil: "O 90% dos traficantes que actúan na provincia son homes, de entre 25 e 45 anos e reincidentes"

Tanto a Policía Nacional como a Garda Civil explican que o perfil dos detidos en Lugo por delitos contra a saúde pública non experimentou variacións nos últimos anos. Tal e como apunta o capitán xefe de Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo, Víctor Souto, "o 90% dos traficantes detectados en Lugo son homes, de entre 25 e 45 anos, e polo xeral reincidentes. De feito, entran en prisión, seguen mantendo os seus contactos e cando salguen retoman a actividade".

En canto ás nacionalidades, existen diferenzas segundo o tipo de droga. Así, no caso da heroína, os traficantes adoitan ser españois, mentres que a cocaína distribúena maioritariamente os suramericanos –que a adquiren normalmente en Madrid– e o haxix é terreo dos marroquís.

"O haxix", comenta a Policía Nacional, "chega a Lugo desde o sur, desde Alxeciras, e transpórtano en vehículos, utilizando coches lanzadeira e tomando todas as precaucións posibles. Ademais, como as penas son inferiores que no caso das drogas duras, arriscan máis na cantidade".

EXPEDIENTES. Ademais de loitar contra o tráfico de droga a gran escala, as forzas de seguridade tamén se afanan en controlar a posesión de estupefacientes para consumo propio. De feito, a subdelegación do Goberno en Lugo tramitou o ano pasado un total de 723 expedientes por aprehensión de drogas na vía pública. Esta cifra supera a dos anos previos, xa que en 2014 rexistráronse 718 e en 2013 un total de 564. Nos catro primeiros meses deste ano, a cifra ascende a 186 expedientes. A droga máis aprehendida foi o cannabis, seguida da cocaína e a heroína. A gran distancia sitúanse as anfetaminas, a metadona e a marihuana.

Comentarios