A 'hamburguesa do Espírito Santo' enfada os crentes de Chicago

Un popular restaurante de hamburguesas de Chicago (EE.UU.) xerou unha gran polémica coa comunidade católica da cidade ao ofrecer a "Hamburguesa do Espírito Santo", que inclúe entre os seus ingredientes unha hostia sen consagrar.

Na súa páxina de Facebook, o restaurante explica que a "Ghost Burger" (en alusión ao Espírito Santo) inclúe chile, queixo cheddar branco, "viño tinto reducido (o sangue de Cristo) e hostia (o corpo de Cristo)".

A hostia que acompaña á hamburguesa de res e chiba está sen consagrar, pero si leva o símbolo da cruz.

Esta oferta desatou polémica nas redes sociais e a cidade, onde moitos crentes consideran que é un "sacrilexio" e algo "insultante".

Nunha mensaxe na páxina de Facebook do restaurante, Keir Norwell, da localidade de Buffalo Grove (Illinois), dixo que incluír esta hamburguesa no seu menú é "de moi mal gusto".

Tras a polémica, o local indicou que "traballan duro para ofrecer combinacións creativas" e agradeceron o apoio das persoas que entenderon que, "de ningún xeito", crearon esta hamburguesa como "un ataque ás crenzas relixiosas".

O xerente xeral do restaurante Kuma's Corner, Luke Tobias, explicou que o nome da hamburguesa é unha homenaxe á banda sueca de heavy metal Ghost B.C.

Os donos do local fixeron ademais referencia á liberdade relixiosa e de expresión recollidas na Constitución estadounidense para xustificar a súa decisión de crear esta hamburguesa, que estará dispoñible todo outubro.

Para frear a avalancha de mala publicidade, o restaurante enviou ademais unha doazón de 1.500 dólares arquidiocese Católica de Chicago, que rexeitou o diñeiro.

Comentarios