A Garda Civil comisa 960 quilos de lirio en Celeiro

Parte del pescado requisado por la Guardia Civil. (Foto: AMA)
photo_camera Parte del pescado requisado por la Guardia Civil. (Foto: AMA)

A Garda Civil comisou o pasado luns 960 quilos de lirio ou bacaladilla ilegal nos almacéns dun exportador, situados no peirao sur de Celeiro. A operación produciuse por mor das investigacións levadas a cabo o pasado 12 de abril, en relación a un suposto ílicito penal de falsidade documental, relacionado con outra especie de peixe. Grazas a aquela operación, tívose coñecemento de que en Celeiro puidesen estar a entrar, para a súa posterior venda, partidas de bacaladilla (micromesistius poutassou) tamén coñecida como lirio, cuxa venda se atopa prohibida.

Segundo informou o Instituto Armado, os axentes realizaron o luns unha inspección na zona de carga da lonxa sur do porto de Celeiro, detectando tres palés de peixe dispostos para ser cargados en camións con destino a Córdoba, Málaga e Alxeciras. Unha vez examinadas as caixas, que se atopaban embaladas e xa que logo non se podía apreciar o seu contido, observouse que se se desposuían do envoltorio vertían auga. A Garda Civil procedeu entón a abrir as caixas e comprobou que a especie que contiñan era lirio e que non coincidía coa etiquetaxe exterior que especificaba pixota (pescada).

Ademais, a data do envasado impresa nas etiquetas era do 21/06/11 cando a inspección se realizou na mañá do día 20/06/11. A etiquetaxe tampouco especificaba a natureza do produto; se era desconxelado ou fresco, nin o seu método de captura, zona de pesca, envasador ou centro de expedición. Ante tales feitos os axentes inspeccionaron outros dous palets, co mesmo resultado.

Sobre o lirio consta unha prohibición de pesca por esgotamento de cota para os barcos españois, polo que os gardas levantaron acta e procederon ao comiso e precintado do peixe para a súa entrega a un centro benéfico.

O adxunto á dirección de Porto de Celeiro, Eduardo Míguez, desvinculou totalmente a Porto de Celeiro do suceso, «os almacéns son alugados aos exportadores e eles son os responsables dos produtos que gardan». Míguez puntualizou ademais, que «na lonxa de Celeiro non se vende bacaladilla desde a prohibición da pesca desta especie, unha vez esgotada a cota» .

A Garda Civil recordou que a operación do luns produciuse en relación a outra efectuada o pasado 8 de abril, co fin de interceptar camións que transportaban peixe ilegal a través de rutas alternativas ás habituais, burlando así os controis policiais. Naquela ocasión os axentes detiveron un camión que viaxaba pola estrada O Valdouro-Cangas, con 288 quilos de caballa ilegal e sen documentación, camuflada entre outras especies.

Comentarios