A Feira do Capón cumpre coas expectativas

Vendéronse uns 500 exemplares dos 1.800 censados

A tradicional Feira do Capón de Vilalba, que se celebrou esta mañá na capital chairega, cumpriu co guión de todos os anos e, aínda que á primeira hora parecía que non chegarían a venderse os cincocentos capóns que entraron no recinto, aos poucos o ambiente foi animándose e a maioría dos exemplares censados atoparon comprador.

Finalmente, uns 500 capóns, dos case 1.800 censados para a feira deste ano, entraron no recinto, dado que os demais exemplares foron vendidos nos propios domicilios dos criadores nas xornadas previas á celebración da feira que, nesta ocasión, por caprichos do calendario, caeu un pouco máis cedo do habitual, tendo en conta de que é un produto que se consome maioritariamente en Nadal.

A edila de Feiras e Mercados de Vilalba, Cheri Grandío, destacou a notable afluencia de público que houbo no recinto desde primeiras horas da mañá e informou de que, "aos poucos", a medida que ía chegando a xente tamén foron saíndo os exemplares que os 48 criadores trouxeron á feira.


Segundo Cheri Grandío, as xornadas gastronómicas han funcionado "perfectamente" e contaron con moita aceptación por parte do público


"Os prezos de saída mantivéronse similares aos doutros anos", confirmou a edila, de modo que "algúns se venderon a 90 e outros a 100 euros, pero houbo exemplares que chegaron a pagarse a 120 euros". O xerente da Asociación de Criadores do Capón, Gonzalo Hermida, coincidiu coa concelleira en que, ao "facer un bo día", ata Vilalba achegouse "moito público" e os exemplares presentados "fóronse vendendo".

En canto aos premios que concede o Concello de Vilalba, Oliva Souto Amado, da parroquia de Goiriz, levou o galardón ao Mellor Criador; a Mellor Cesta presentouna María José López Solloso, de Lanzós; mentres que o Mellor Par tróuxoo á feira Mariña Trastoy Castro, de Santaballa.

Unha vintena de locais de hostalería de Vilalba celebraron tamén esta semana —desde o día 14— as Xornadas Gastronómicas do Capón de Vilalba, na que os visitantes puideron degustar numerosas variedades de tapas elaboradas con este produto, ao prezo de 2,5 euros cada unha.

Segundo Cheri Grandío, as xornadas gastronómicas han funcionado "perfectamente" e contaron con moita aceptación por parte do público en xeral, ata o punto de que os criadores tiveron que servir aos locais participantes preto dun centenar de capóns.

Iso si, atopar mesa para comer este domingo nalgún dos restaurantes de Vilalba que ofrecían capón no seu menú era misión case imposible, porque todos estaban "a lume de biqueira" de reservas, aclarou a concelleira.

O Concello de Vilalba enviará capóns, como agasallo institucional, ao cardeal Antonio María Rouco Varela; ao presidente da Real Academia da Lingua, Darío Villanueva; ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao pregoeiro das patronais de San Ramón, o químico Alejandro Criado.

Comentarios