A Feira de Pacios recreará traballos antigos da casa

A asociación cultural Castiñeiro Milenario de Begonte organiza o próximo 16 de xullo a sexta edición da Feira de Pacios, cuxos maiores atractivos nesta ocasión serán as demostracións de traballos antigos, propios das casas, e as exhibicións de cetrería.

O recinto feiral abrirá ás 11.00 horas, momento no que un grupo de membros da asociación de mulleres rurais de San Bartolomeu de Insua, de Vilalba, realizarán unha ampla demostración do principal labor da entidade, os traballos do liño. Ademais, completarán a súa colaboración coa feira coa recreación de diversas tarefas do traballo cotián nas casas que hoxe xa case se perderon, como a elaboración de produtos como o xabón ou de alimentos como o queixo, a manteiga ou o pan.

Ás 13.00 horas está previsto que Falcóns de Galicia realice unha exhibición de cetrería, cuxas aves rapaces repetirán espectáculo pola tarde, ao redor das 18.30 horas.

A artesá oleira Pepa de Bonxe non faltará tampouco á súa cita con Pacios, onde tamén haberá postos de artesanía, venda de produtos autóctonos ou un mercado de artigos ecolóxicos, ademais de postos para comer.

A animación musical da xornada correrá a cargo da Charanga de Vilalba, mentres que o dúo N'Clave pechará a celebración cunha verbena que se iniciará ás 22.00 horas. Previamente, ás 21.00 horas, o grupo Os Quinquilláns realizará un espectáculo de teatro rueiro.

Concurso

Ao longo de toda a xornada desenvolverase o terceiro concurso de debuxo infantil da Feira de Pacios, aberto á participación de todos os menores que acudan á cita. A entrega de premios entre os mellores traballos será ás 18.00 horas.

A asociación Castiñeiro Milenario conta cun orzamento duns 8.000 euros para a organización desta feira, na que colaboran os comuneiros do monte veciñal de Pacios, o Concello de Begonte e a área de cultura da Deputación de Lugo.

Comentarios