A federación veciñal reactiva a campaña 'Non perdas o tren' para esixir a chegada do Ave a Lugo

O colectivo colocou grandes pancartas nas avenidas Adolfo Suárez, A Coruña, As Américas e Madrid para reivindicar a chegada da alta velocidade á capital lucense

A Federación Provincial de Asociacións de Vecinos de Lugo reactivou a campaña 'Lugo, non perdas o tren', coa que reivindican a chegada á capital lucense do tren de alta velocidade e a construción na cidade dunha estación intermodal acorde co novo servizo. Para recordar esta demanda, a federación veciñal colocou pancartas de gran tamaño, que van dun lado a outro da estrada, nas principais entradas á cidade.

O propio presidente da federación, Jesús Vázquez, informou hai algunhas semanas de que o colectivo se estaba atopando con dificultades para situar nas vías públicas pancartas de tamaño tan grande —nas que se pode ler a lema 'Lugo, non perdas o tren'—, aínda que finalmente contou co permiso do Concello da capital para a súa colocación. Pódense ver pancartas nas avenidas de Adolfo Suárez, da Coruña, das Américas e de Madrid.

A federación informa nun comunicado de que a colocación destas pancartas marca, en realidade, "o inicio dunha campaña reivindicativa" para esixir que Lugo non sexa a única capital de provincia galega que quede fóra da rede de alta velocidade.

Comentarios