A familia Romero espéraa en Becerreá e un lugar no que a prensa non os poida ''localizar''

Unha curmá de Teresa Romero, a auxiliar de enfermería contaxiada de ébola, afirmou hoxe que os membros da súa familia galega están "pletóricos" pola noticia da súa alta hospitalaria e en concreto a súa nai, Jesusa Ramos, que a agarda na localidade lucense de Becerreá para darlle "o abrazo máis desexado da súa vida".

"Como imos estar, contentísimos, pletóricos, desexando ver a Teresa", sinalou Carmen Rellán en declaracións a EFE.
 
Esta curmá de Teresa, que viaxou con frecuencia a Becerreá para acompañar á súa tía, comentou que Jesusa Ramos "sufriu o indecible, moitísimo" e toda a familia pasou "unha tempada horrible, que non se pode describir", sobre todo mentres a auxiliar de enfermería debatíase entre a vida e a morte no hospital Carlos III.
 
Ademais, Carmen Rellán indicou que "ao principio" todo foi "unha desorde total", porque a familia carecía de información precisa sobre o estado de saúde de Teresa.
 
Agora todo cambiou, e tamén para a nai da paciente. "Nótaselle moito, sabe que a filla está ben, que saíu do illamento, e atópase moito mellor", manifestou Rellán.
 
En canto ao recibimento que lle preparan a Teresa en Becerreá, dixo que será "algo familiar", porque os seus achegados nin sequera saben "como vai vir".
 
"Se cadra non está para festas. Quererá tranquilidade", apuntou Carmen Rellán.
 
"Despois co tempo -avanzou- se cadra facémoslle unha festa cando estea un pouco mellor, e con toda a familia, porque aquí ten aos seus tíos e moitos curmáns".
 
Con todo, estas declaracións poden resultar chocantes en relación co afirmado polo marido da auxiliar, Javier Limón, ao dirixirse aos medios de comunicación que el e a súa esposa pretenden marcharse uns días a descansar a un lugar onde non poidan ser localizados.
 
"Irémonos onde non nos podades localizar" sinalou Limón a algúns medios de comunicación que se atopaban na porta do hospital Carlos III esperando a saída da auxiliar de enfermería Teresa Romero que recibirá a alta médica ao longo da mañá de hoxe tras superar o ébola e permanecer ingresada desde o pasado día 6 de outubro.
 
Limón, tras presenciar e comentar a rolda de prensa que deu o equipo médico desde o estudio do programa de Ana Rosa Quintana, acudiu ao centro hospitalario a buscar á súa muller, dixo: "Esperamos saír canto antes, marcharnos e descansar".

Comentarios