A Policía británica descarta que Echeverría morrese por fogo amigo en Londres

A repatriación do corpo podería adiantarse ao sábado ► "Algo moi triste e moi duro está a converterse en algo máis bonito e moi grandioso", asegura a súa irmá, tras os recoñecementos recibidos polo acto heroico do madrileño de orixe galega
Ignacio Echeverria
photo_camera Ignacio Echeverria

A Policía Metropolitana de Londres (Met) negou este xoves que o español Ignacio Echeverría morrese por disparos policiais durante a resposta ao atentado terrorista do pasado sábado en Londres.

Un portavoz da Met, tamén coñecida como Scotland Yard, dixo a Efe que "non recoñece" as alegacións na prensa española de que "un membro do público recibiu un disparo mortal da Policía", aínda que si explicou que un cidadán, cuxa nacionalidade non se especificou, si resultou ferido o tiroteo, pero "as súas feridas non se consideran de gravidade".

Echeverría, de 39 anos, morreu tras intentar protexer a unha muller que estaba a ser agredida por un dos tres terroristas que o 3 de xuño atropelaron e despois apuñalaron a varias persoas na zona da ponte de Londres, causando 8 mortos e 48 feridos.

REPATRIACIÓN. Os familiares de Ignacio Echeverría informaron de que poderán velar o seu cadáver e que a repatriación do corpo podería adiantarse ao sábado. Tras reunirse cun xuíz forense na capital británica Ana, a irmá de Ignacio, dixo que "algo moi triste e moi duro está a converterse en algo máis bonito e moi grandioso", tras o acto heroico do seu irmán que foi asasinado cando intentaba axudar a unha muller no atentado de Londres do pasado sábado.

O ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, explicou que ás 9.30 horas (sempre hora local londiniense) as autoridades españolas recibían aos familiares de Echeverría.

Os familiares acudiron a un xulgado forense da capital británica para recibir información sobre como faleceu Ignacio tras intentar salvar a vida dunha muller o pasado sábado durante o ataque terrorista.

Está previsto que este venres se realice a autopsia e despois iniciaranse os trámites de repatriación que "tamén son longos", engadiu o ministro do Interior antes de destacar a "fortaleza" desta familia tras "o trato inhumano que se veu observando neste tema" cunha persoa ao que todos cualifican xa como un "heroe".

Aínda que Zoido preferiu non profundar máis na polémica sobre a demora na identificación do corpo de Ignacio Echeverría, subliñou a necesidade de tomar medidas dentro da UE para que este tipo de situacións non se volvan a repetir. 

Preguntado sobre se recibiu desculpas da súa homóloga británica, o titular de Interior dixo que as autoridades lles pediron comprensión polos seus "rigorosos" protocolos e porque non querían dar "pasos en falso" á hora de localizar a todos os desaparecidos. "Non quero entrar máis nese tema, pero unha vez que se produce un atentado hai que deter aos autores, pero tamén atender ás vítimas", concluíu. 

Comentarios