A falta de formación, un problema para contratar persoal nas granxas

As xornadas sobre o gando vacún de leite que organiza Seragro foron inauguradas por Darío Campos
Seragro en Lugo
photo_camera Seragro en Lugo

A falta de formación converteuse "nun gran problema" á hora de buscar e de contratar a "man de obra allea" que hoxe é necesaria para manter o funcionamento das explotacións de leite en Galicia, de modo que este será un dos temas centrais das XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se están celebrando en Lugo.

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, foi o encargado de inaugurar esta mañá, no auditorio da facultade de Veterinaria, esta nova edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que organiza a Sociedade Cooperativa Galega (Seragro).

En declaracións a Efe, unha das organizadoras deste congreso, Belén Guerreiro, subliñou que "a necesidade de man de obra allea" nas explotacións lácteas galegas será unha das grandes novidades do programa deste ano no que se refire á temática que analizarán os expertos invitados.

Nese sentido, precisou que "ata este momento nas explotacións non era algo prioritario, pero agora vemos que si empeza a selo, porque están moito máis dimensionadas" e porque a idade media dos titulares tamén é máis elevada, ante a falta de substitución xeracional.

"A xente é moi maior e necesítase persoal contratado para facer os labores", precisou, e por outra banda, "os mozos queren ter unha calidade de vida que non tiveron os seus pais, non queren estar atados as 24 horas á explotación".

Con todo, a pesar desa necesidade, resulta "moi complicado" atopar o perfil adecuado no mercado laboral, porque "aparece man de obra, pero a falta de cualificación é un gran problema".

"As escolas de capacitación agraria foron pechando e bótase de menos certa formación, polo menos unha información mínima sobre o que é unha vaca", resolveu.

Comentarios