A educación a un click

Niños que participaron en la presentación de la web (Foto: C.L.F.)
photo_camera Niños que participaron en la presentación de la web (Foto: C.L.F.)

A Fundación Meniños presentou onte a nenos de Viveiro a páxina web Mundo de Milu, (www.mundodemilu.org), con propostas educativas para os pequenos pero tamén para pais e educadores enfocadas á sensibilización sobre os dereitos dos nenos e especialmente ao de vivir en familia. A coordinadora en Lugo desta asociación, Olga Alvite, explicou aos pequenos como utilizar a web, nunha actividade organizada en colaboración cos servizos sociais de Viveiro no centro comarcal.

A coordinadora sinalou que tras este primeiro achegamento os nenos poderán usala nas súas casas, e tamén os pais e educadores, pois contén distintas partes indicadas para cada grupo. Por exemplo, para os nenos «hai unha área de xogos sobre os dereitos dos nenos, a vida en familia, a igualdade...», mentres que os maiores pódense atopar «propostas educativas que poden descargar» para utilizar logo en casa ou nos colexios.

Os xogos para os nenos preséntanse dunha forma orixinal para que interactúen e unha das actividades consiste en representar á súa familia. «Escollen os membros dá súa familia e póñenlles o pelo, a roupa, lentes...», explica Olga Alvite. Engade que a protagonista da web é Milu, unha nena que inicialmente está nun centro de menores e que logo pasa a vivir cunha familia de acollida. Recordou que esta páxina leva funcionando seis anos pero é a primeira vez que a presentan en Viveiro e pronto o farán en Ribadeo.

A Fundación Meniños traballa con nenos en situacións complexas para que poidan vivir cunha familia. Dentro desta actividade hai proxectos de sensibilización, como a web, e proxectos de intervención directa con familias, apuntou a coordinadora.

Os servizos sociais do Concello favoreceron que Meniños chegase a Viveiro para presentar a páxina e ao acto asistiron moitos dos pequenos con cuxas familias traballa o ente local. A educadora familiar, Irene Basanta, sinalou que actualmente hai 22 familias no proxecto de educación familiar.

Comentarios