A Deputación rectifica as bases de inscrición nos seus campamentos ante as críticas de descriminación

A Deputación de Pontevedra cambiou as bases de participación nos seus campamentos de verán na Lanzada tras as queixas de que supuñan unha discriminación a discapacitados.

O ente provincial anunciou que substitúe un parágrafo da convocatoria, que agora dirá no caso de que o solicitante precise apoio específico pola súa diversidade funcional, deberá facelo constar na folla de inscrición.

Na mesma, deberá especificar as necesidades especiais que presente xunto a unha recomendación de que a súa familia contacte coa Deputación "para valorar as necesidades de apoio" en relación aos medios específicos dispostos para este fin e dirimir a súa suficiencia para "unha adecuada estancia" de todos os nenos nos campamentos.

A redacción previa, que foi criticada polo BNG, establecía a exclusión dos menores sen capacidade para desenvolver as necesidades básicas diarias, así como os nenos con doenzas ou minusvalías que teñen contraindicadas a súa asistencia ao campamento e "o desenvolvemento normal das actividades".

A Deputación detalla que fai esta modificación a instancias da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos e non do BNG; asegura que aposta pola integración e di que limitacións como a agora modificada existían en campamentos organizados por outras institucións, entre elas a Xunta.

A deputada provincial do BNG Iolanda Veloso sinalou tras o anuncio que o cambio "demostra que si é posible" incluír aos nenos con diversidade funcional nestas actividades e que "só facía falta ser consciente do erro e querer corrixilo".

O alcalde vigués, Abel Caballero, sumouse previamente ás críticas, e sinalara que non toleraría a exclusión de persoas discapacitadas.

Para o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que entende que a súa administración é a que demostrou "máis sensibilidade" coas persoas con discapacidade, "hai quen quere desvirtuar por todos os medios este rotundo éxito (3.000 asistentes este ano e ata 6.000 solicitudes para os campamentos) e por iso intenta manipular canto pode".

Tras a polémica, a Deputación estendeu 15 días o prazo de inscrición, que en principio terminaba hoxe, para solicitar praza nos campamentos.

Comentarios