A Deputación adicará 1,2 millóns a Balaídos

Abel Caballero sinalou no acordo ao goberno de Feijóo ao preguntar "por que a Xunta non dedicara nin un euro á reforma"

O Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra asinaron unha adenda ao convenio de colaboración sobre a reforma do estadio municipal de Balaídos, unha modificación pola que a entidade provincial achegará 1,25 millóns de euros máis á remodelación, o que se suma á cantidade previa acordada para a bancada de Río.

Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, que ademais avanzou que o goberno local achegará 900.000 euros para o proxecto das obras das bancadas Gol, Marcador e o aparcadoiro, e outros 350.000 euros para os asentos da bancada de Río Baixo.

Abel Caballero: "No fondo ocultan que ao PP encantoulle que o Celta se marchase de Vigo"

Tal e como recordou, o estacionamento contará con 1.000 prazas, situarase "xusto diante" de Tribuna, baixo superficie, e contará con entradas directas ao estadio. Acerca dos prazos, descartou concretalos e limitouse a indicar que a súa intención é que vaia "á maior velocidade posible".

A continuación, Caballero pediu ao PP que explique "por que a Xunta non dedica nin un euro á reforma" e que diga "se Feijóo estaba detrás do intento de que o Celta se fose de Vigo"; ademais, puxo en valor que "todos os pagos, desde o primeiro céntimo ata o último, que achegou a Deputación de Pontevedra, pagáronse sendo presidenta Carmela Silva".

Esta foi a resposta de Caballero ao reproche previo da portavoz e líder do PP de Vigo, Elena Muñoz, pola "xestión impresentable" desta obra, cuxo sobrecusto cifrou nuns 4,9 millóns de euros.

"A Deputación de Louzán asinou convenio pero pagou cero euros para Balaídos; porque de facer convenios e non pagar, o PP sabe moito", criticou, antes de insistir en que "o Partido Popular segue querendo ir en contra da reforma de Balaídos". 

Comentarios