A Deputación de Lugo seleccionará as súas entidades de crédito por concurso

A Deputación Provincial de Lugo puxo en marcha un proceso de selección por concurso público das entidades de crédito coas que operará e que serán as destinatarias dos depósitos derivados dos excedentes de tesourería.

Neste proceso de selección, o goberno provincial valorará a relación de oficinas e medios persoais adscritos á execución do contrato e distribuídos pola provincia de Lugo.

Terase en conta, ademais, a porcentaxe de reclamacións resoltas satisfactoriamente nos produtos de risco, especialmente nas participacións preferentes e a débeda subordinada.

Influirán tamén na cualificación as condicións sociais e laborais dos empregados encargados de executar o contrato, así como as melloras salariais por encima do convenio colectivo e as medidas de conciliación da vida familiar e laboral.

Para seleccionar as entidades bancarias estudarase tamén o plan de formación do persoal, o grao de satisfacción dos clientes e as actividades que organicen para a promoción da provincia de Lugo, entre outros aspectos.

O prazo para que as entidades interesadas en participar presenten ofertas comeza hoxe e comprende 15 días naturais. As propostas deben presentarse no rexistro da Deputación, en horario de nove a dous da tarde de luns a venres e de dez a dous os sábados, ou ben dirixilas por correo ao pazo de San Marcos.

Comentarios