A Deputación de Lugo axudará a redefinir os entes provinciais

A Deputación de Lugo foi unha das seleccionadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para definir o papel dos gobernos locais intermedios na conxuntura actual e coa vista posta na reforma de dous marcos normativos esenciais do municipalismo: as leis de goberno e financiamento local.

Esta foi unha das decisións adoptadas este mércores polos presidentes das deputacións españolas, reunidos en Valencia na comisión de deputacións provinciais, cabildos e consellos insulares.

O presidente do organismo lugués, José Ramón Gómez Besteiro, será así o único representante galego que formará parte do grupo de traballo, xunto cos oito mandatarios de Valencia, Huelva, Alacante, Badaxoz, Castelló, Guadalaxara, Palencia e Tarragona.

O día 3 de maio terá lugar en Madrid o próximo encontro deste grupo de traballo. "Queda por diante unha intensa axenda na que, tendo en conta o momento económico actual, a prioridade na toma de decisións será a prestación de servizos municipais mediante o traballo en rede", destaca a Deputación de Lugo nun comunicado de prensa.

Comentarios