Aprobada a adxudicación de 300 bolsas de prácticas

A Deputación creou 343 postos de traballo no que vai de ano

Silva indicou que o volume de contratación debeuse á "modernización" da institución, que este venres aprobou a adxudicación de 300 bolsas de prácticas laborais
Carmela Silva
photo_camera Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu este venres en rolda de prensa os datos de contratación de persoal na institución provincial durante os primeiros dez meses de 2016 e o primeiro tramo de novembro. Así, o balance dado a coñecer por Silva arroxa que, en total, 343 postos de traballo foron creados nos distintos servizos e departamentos da Deputación provincial.

Carmela Silva sinalou que este "importantísimo" volume de contratacións debeuse á "modernización" dunha administración que "carecía dun número importante de persoal que puidese dar resposta aos servizos que ten que prestar". Estas contratacións teñen que ver "cos proxectos prioritarios" que se están desenvolvendo na Deputación e "de acordo ás necesidades dos servizos e os departamentos desta administración provincial", xustificou Silva.

Desde xaneiro de 2016 ata a actualidade a Deputación de Pontevedra contratou a 343 persoas "a través de procedementos transparentes, legais e salvagardando total e absolutamente a igualdade de oportunidades", resaltou.

Silva engadiu que a contratación do goberno que conforman o Partido Socialista e o BNG supón "un cambio de modalidade total e absoluto, un cambio radical na xestión dos recursos humanos respecto do que se facía na época anterior" xa que "agora todo se fai a través da legalidade, a transparencia e a igualdade de oportunidades: estes son os criterios básicos que imperan en todos os procesos de selección de persoal da Deputación de Pontevedra".

CONVOCATORIAS "PÚBLICAS". Deste xeito, a socialista enxalzou que toda contratación se realiza en base a convocatorias "públicas, abertas e de libre acceso, a través das bolsas de emprego creadas a partir desas convocatorias e outras contratacións temporais así como a través do Servizo Público de Emprego".

Carmela Silva asegurou que a "modernización" no campo da contratación ten un dobre sentido, en primeiro lugar atendendo ao tipo de persoal (entre outros, profesionais da bioloxía, da arquitectura ou da informática) e, ademais, debido ao sistema de contratacións. A presidenta insistiu en que a Deputación necesita profesionais "que dean resposta a unha nova realidade" facendo as cousas como teñen que ser, seguindo os procedementos que marcan as leis".

Comentarios