A débeda do Estado sobe en novembro ata os 943.980 millóns de euros

O IPC rexistrou un incremento interanual do 1,5 % en decembro debido, principalmente, ao encarecemento dos carburantes
Luis de Guindos
photo_camera Luis de Guindos

A débeda do Estado pechou en novembro en 943.980 millóns de euros, o que supón un aumento de 4.324 millóns con respecto ao máximo anual anotado no mes de outubro, segundo os últimos datos actualizados polo Banco de España. 

A débeda estatal incrementouse en 32.352 millóns de euros con respecto a novembro de 2015, o que supón un repunte en termos interanuais do 3,54 %. 

A débeda de novembro concéntrase principalmente en valores a longo prazo –o que inclúe as letras do Tesouro emitidas a máis dun ano– con 786.140 millóns de euros. 

O resto corresponde a valores a curto prazo (81.170 millóns) e outros instrumentos (77.669 millóns), entre eles os préstamos do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), outros préstamos, valores non negociables e moeda en circulación.

O IPC experimenta a maior subida nun mes de decembro desde 2010

IPC. Doutra banda, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) rexistrou un incremento interanual do 1,5 % en decembro, 8 décimas por encima do mes anterior, de forma que marcou en 2016 a taxa máis alta a peche de ano desde 2012, segundo o indicador adiantado que publicou este venres o Instituto Nacional de Estadística (INE). 

Este aumento respondeu, principalmente, ao encarecemento dos carburantes (gasóil e gasolina), fronte ao abaratamento do ano pasado. 

Se o Ine confirma estas cifras o próximo 13 de xaneiro, trataríase do mellor dato dos últimos catro anos, logo de subir lixeiramente en 2013 (0,3 %), caer en 2014 (1 %) e manterse plano en 2015. No entanto, pese ao repunte que rexistraron os prezos no último trimestre do ano, o IPC leva 42 meses sen pasar o 2 % (en xuño de 2013 subía o 2,1 %). 

En taxa mensual, os prezos de consumo rexistraron en decembro unha taxa do 0,6 % respecto ao mes de novembro, de maneira que suman xa cinco meses consecutivos sen caídas e supón a maior subida nun mes de decembro desde 2010, cando tamén creceu o 0,6 %. 

En canto á variación anual do IPC Harmonizado –que mide a evolución dos prezos co mesmo método en todos os países da zona do euro– o indicador adiantado suibió ao 1,4 % en decembro respecto ao mesmo mes de 2015, de maneira que mellorou en nove décimas respecto da taxa de novembro. En taxa mensual, este indicador harmonizado situouse no 0,5 %.

Comentarios