A débeda de familias e empresas cae a mínimos previos á crise en 2007

A débeda das familias españolas reduciuse un 5,2 % en outubro ata alcanzar os 793.940 millóns de euros, en tanto que a das empresas caeu un 10 % ata 1,081 billóns de euros, en ambos os casos os niveis máis baixos desde o primeiro trimestre de 2007.

Segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España, o endebedamento de familias e empresas coas entidades financeiras mantense desde hai varios meses no seu nivel máis baixo desde hai máis de cinco anos, mostra de que o crédito non flúe.

Os datos de outubro confirman por cuarto mes consecutivo a contracción da débeda das familias, despois de que en xuño crecese, por primeira vez en seis meses, polo repunte dos créditos ao consumo.

Nesta ocasión, os créditos para estes fins distintos da adquisición de vivenda caeron un 7,2 % ata 176.021 millóns de euros, mentres que para a compra de vivenda o descenso foi do 4,7 %, ata 614.422 millóns de euros.

Polo que respecta á débeda das denominadas sociedades non financeiras, as empresas, o recorte do 10 % obedece sobre todo á caída dos préstamos titulizados e fóra de balance, que representan o 61 % do total e que se reduciron un 15 % desde o ano anterior.

Comentarios