A débeda de Cataluña co Estado supera os 52.400 millóns de euros

Entre esta autonomía, a Comunidade Valenciana e Andalucía suman o 71% da débeda das comunidades

A débeda de Cataluña co Estado creceu no segundo trimestre do ano en 1.872 millóns e alcanzou os 52.499 millóns de euros, un terzo do total da débeda autonómica co Goberno, segundo os datos do Banco de España feitos públicos este venres relativos ao período de abril a xuño. 

A débeda total desta comunidade ascendía a metade de ano a 76.727 millóns. Ademais da que mantén co Estado, A Generalitat debe 5.669 millóns pola emisión dos chamados bonos patrióticos; tamén, 8.175 millóns de préstamos de institucións financeiras españolas e outros 6.018 millóns prestados por bancos do resto do mundo. Completan a suma 4.366 millóns de débeda por préstamos de asociacións público-privadas. 

Segundo esta estatística, no ano 2000 a débeda total catalá ascendía a 10.177 millóns de euros. En 2010 pasara a ser de 35.616 millóns e en 2015 elevouse a 66.592 millóns de euros, mentres que o crecemento no último ano e medio foi de preto de 10.000 millóns máis. Con respecto ao PIB, o dato de xuño da débeda equivale ao 35,4 por cento.

FONDOS DE FINANCIACIÓN. A débeda das comunidades co Estado procede dos fondos de financiamento creados no ano 2012 e que permitiron ás autonomías obter liquidez ao non poder acceder aos mercados e pagar en calquera caso intereses máis baixos. 

Esa débeda ascendía en xuño en total a 157.087 millóns de euros. Logo de Cataluña, que absorbe o 33 por cento do total, atópanse a Comunidade Valenciana (35.405 millóns), o 22,5%; e Andalucía (24.030 millóns), o 15,2% do total. Entre as tres suman o 71 por cento da débeda autonómica co Estado. 

Completan esta lista Castela-A Mancha (10.132 millóns), Murcia (6.671 millóns), Baleares (6.225 millóns), Canarias (4.958 millóns), Galicia (4.566 millóns), Aragón (2.827 millóns), Cantabria (2.070), Castela e León (2.053), Estremadura (2.031), Madrid (1.919 millóns), Asturias (1.428) e A Rioxa (273 millóns de euros).

CATALUÑA, VALENCIA, ANDALUCÍA E MADRID, á cabeza. En cifras totais de débeda, Cataluña (76.727 millóns de euros), Comunidade Valenciana (44.975 millóns), Andalucía (33.961 millóns) e Madrid (32.555 millóns) seguen concentrando dous terzos de toda a débeda dos gobernos autonómicos no segundo trimestre. Nos catro casos a débeda incrementouse respecto ao primeiro trimestre. 

A continuación, figuran as comunidades de Castela-A Mancha (14.260 millóns), Galicia (11.363 millóns), Castela e León (11.378 millóns), País Vasco (10.791 millóns), Illas Baleares (8.954 millóns) e Murcia (8.681 millóns). 

Pechan a táboa Aragón (7.857 millóns), Canarias (7.291 millóns), Asturias (4.370 millóns), Estremadura (4.333 millóns), Navarra (3.767 millóns), Cantabria (3.045 millóns) e A Rioxa (1.597 millóns). 

En porcentaxe do PIB, a Comunidade Valenciana, cun endebedamento que supón o 41,9%, segue encabezando ás rexións máis endebedadas en relación á súa riqueza, seguida de Castela-A Mancha, co 36,7%, e de Cataluña, co 35,4%. En cambio, a Comunidade de Madrid (15,1% do PIB), País Vasco (15,3%) e Canarias (16,8%) son as que menor débeda teñen respecto ao PIB. 

Comentarios