A Consellería de Cultura inicia os trámites para declarar BIC a colección de Álvaro Gil

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou os trámites para a declaración da colección de ourivaría áurea prerromana de Álvaro Gil, na que se atopan algunhas das pezas máis emblemáticas do Museo Provincial de Lugo, como Ben de Interese Cultural (BIC).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a incoación do expediente administrativo para esa declaración, de forma que agora ábrese un período de información pública, cun mes prazo, para que os afectados por esta decisión presenten alegacións ante a Dirección Xeral de Patrimonio.

Ademais, durante ese período, segundo informa a propia Consellería nun comunicado, solicitaranse "informes aos órganos consultivos pertinentes" sobre esta colección, formada por 44 pezas -43 de ouro e 1 de prata- que presentan as "formas e tipos característicos" da ourivaría áurea prerromana do noroeste peninsular.

A Xunta de Galicia explica que este conxunto se caracteriza pola "variedade, calidade e representatividade" das "diversas formas e técnicas empregadas na elaboración" das pezas, polo que se converte nunha "fonte única de coñecemento histórico para o estudo da tecnoloxía destes períodos cronolóxicos en Galicia".

"De aí a importancia de que a cidadanía galega poida ter acceso a estes exemplares de xoiería para a súa consulta, estudo, coñecemento e enriquecemento cultural", engade, así como polo seu impoirtancia "historiográfica".

O inicio deste expediente para declarar BIC a colección de Álvaro Gil prodúcese despois de que a Deputación de Lugo non conseguise chegar a un acordo cos herdeiros do mecenas para que seguise no Museo Provincial, como consecuencia de diverxencias "económicas" coa familia.

Comentarios